spot_img
InicioO SalnésArousaPremiados 129 alumnos de primaria de Vigo e Vilagarcía cunha visita guiada...

Premiados 129 alumnos de primaria de Vigo e Vilagarcía cunha visita guiada ao Parque Nacional das Illas Atlánticas

Premiados 129 alumnos de primaria de Vigo e Vilagarcía cunha visita guiada ao Parque Nacional das Illas AtlánticasAlumnos dos cinco centros escolares de Vigo que resultaron galardoados nesta edición do concurso ‘As illas nas túas mans’, coñeceron as illas Cíes da man dun guía especializado, mentres que no caso do colexio de Vilagarcía de Arousa gañador, o premio foi unha visita a Cortegada

Un total de 129 nenos e nenas de entre 7 e 12 anos de idade visitaron estes días os arquipélagos de Cíes e de Cortegada como premio por gañar o concurso As illas nas túas mans, promovido pola Xunta no marco do programa educativo que desde 2006 desenvolve o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia con centros escolares de Infantil, Primaria e Secundaria.

Revista COUSAS DE Nº13

O concurso estaba aberto aos 1.861 alumnos galegos participantes este ano no referido programa, aos que se lles propuxo facer unha reprodución de calquera das especies que viven neste espazo natural, acompañada dunha ficha de identificación na que se recolleran as súas principais características.

Tras analizar todos os traballos recibidos —que se poden consultar neste enlace— a dirección do Parque Nacional escolleu como gañadoras as obras presentadas por 7 aulas de 5 colexios de Vigo e 1 de Vilagarcía: os colexios vigueses CEIP Canicouva, o CEIP Párroco Don Camilo, o CEIP San Salvador de Teis, o CEIP A Doblada e o CPR Atalaya-Cantabria, que recibiu dous premios; e o CEIP Vilaxoán, de Vilagarcía de Arousa.

Todos os gañadores foron agasallados cunha visita personalizada ás illas durante a que se lles fixo entrega dos diplomas do concurso e dun detalle de recordo. Ademais, persoal do Parque Nacional e guías especializados acompañaron durante toda a xornada aos rapaces, deseñando para eles unha ruta especial para coñecer a illa, ademais de actividades específicas coas que repasar e visibilizar algúns dos contidos traballados durante o curso nos seus respectivos centros.

En concreto, os días 3, 6 e 11 de maio realizáronse as visitas ás illas Cíes cos grupos escolares de Vigo, e o 12 de maio foi a quenda do alumnado do CEIP Vilaxoán, que neste caso viaxou ata a illa de Cortegada.

Máis de 40.000 nenos e nenas participantes desde 2006

Cómpre lembrar que o programa educativo do Parque Nacional se puxo en marcha hai 16 anos co obxectivo de achegar ao alumnado de todos os niveis do ensino obrigatorio os valores e a riqueza das Illas Atlánticas a través dunha serie de actividades, que os colexios poden escoller realizar no Centro de Visitantes de Vigo ou nas propias aulas.

Desde entón, xa participaron neste programa de carácter divulgativo e medioambiental máis de 40.000 escolares pertencentes a centros localizados nos concellos da contorna do Parque Nacional das Illas Atlánticas.

- Publicidade -spot_img