spot_img
InicioPontevedra e ÁreaPontevedraPontevedra acollerá en setembro de 2024 o Congreso Nacional de Numismática

Pontevedra acollerá en setembro de 2024 o Congreso Nacional de Numismática

Pontevedra_acollerá_setembro_2024_Congreso_Nacional_NumismáticaO Museo de Pontevedra organizará xunto á Sociedad Iberoamericana de Estudios Numismáticos (SIAEN) a 17ª edición, que reunirá os maiores expertos e profesionais deste ámbito en España

Revista COUSAS DE Nº18

Do 12 ao 14 de setembro de 2024, os ollos de profesionais, persoas expertas e afeccionadas á numismática mirarán cara a Pontevedra: a cidade acollerá o XVII Congreso Nacional de Numismática. Durante tres días debaterase sobre o futuro do estudo e a divulgación desta disciplina. Será unha edición moi especial, na que se retomará a celebración do congreso tras a última edición, celebrada en Barcelona en 2018.

O evento está organizado polo Museo de Pontevedra, en colaboración coa Sociedad Iberoamericana de Estudios Numismáticos (SIAEN), co patrocinio da Real Casa de la Moneda. Terá como lema ‘Numismática, que e para que? Xeración e transferencia de coñecemento’. Baixo este epígrafe programaranse conferencias e mesas de debate. Tamén haberá cabida para a presentación e comunicación de estudos recentes sobre coleccións, novos achados e proxectos de investigación en desenvolvemento. A programación completarase con exhibición de pósters e actividades didácticas.

Esta edición pretende xerar un espazo de diálogo común no que participen especialistas e persoas iniciadas, achegar a disciplina a quen non a coñece e xerar un compromiso de coparticipación entre aqueles que a manteñen vixente, en aras de crear novas dinámicas que garantan o seu porvir. Da coordinación científica do congreso encargarase Antonio Roma Valdés (León, 1967), fiscal, doutor en Historia pola Universidad de Santiago de Compostela, investigador e experto en moeda medieval.

Desde que en 1972 se celebrou a primeira edición en Zaragoza, o Congreso Nacional de Numismática é o espazo no que se dan a coñecer os últimos achados monetarios e onde se intercambian coñecementos entre todos os axentes implicados neste ámbito: museos, investigadores e coleccionistas.

A elección do Museo de Pontevedra como sede da próxima edición pon de relevo a importancia da colección numismática do Museo. A súa orixe está nos fondos monetarios que xuntou a Sociedad Arqueológica, fundada en 1894. As doazóns de particulares e coleccionistas, os depósitos de pezas provenientes de escavacións arqueolóxicas e a adquisición de coleccións foron incrementando a colección ata as arredor de 15.000 moedas coas que conta na actualidade.

Entre eses fondos destaca a colección Blanco Cicerón, formada desde o século XIX, e as series de moedas acuñadas en Galicia. A composición da colección abrangue desde a antigüidade, con moeda grega, romana, árabe e bizantina; ata a correspondente á historia española desde a Idade Media á contemporánea, así como toda unha serie de moeda estranxeira de época contemporánea.

- Publicidade -spot_img