spot_img
InicioPontevedra e ÁreaPontevedra acolle o centenario de Miss Ledya, a primeira obra de ficción...

Pontevedra acolle o centenario de Miss Ledya, a primeira obra de ficción do cinema galego

pontevedra-acolle-o-centenario-de-miss-ledya-a-primeira-obra-de-ficcion-do-cinema-galegoO Teatro Principal pontevedrés volverá acoller 100 anos despois a proxección desta fita, nun acto que terá lugar o vindeiro venres 4 de marzo e que presidirá o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

A Xunta de Galicia conmemorará o próximo venres 4 de marzo en Pontevedra o centenario da película ‘Miss Ledya’, a obra realizada polo pioneiro vigués José Gil sobre un argumento de Rafael López de Haro, estreada en 1916 e considerada a primeira ficción do cinema galego.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia), o Concello de Pontevedra e mais o Museo Provincial da Deputación de Pontevedra están a colaborar na organización desta celebración, que terá lugar no Teatro Principal, o actual espazo do mesmo nome que o do desaparecido escenario que acollera a primeira exhibición pública de ‘Miss Ledya’ hai cen anos.

O acto, que estará presidido polo conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, contará con distintas intervencións institucionais e coa participación do catedrático xubilado de Historia do Cine Ángel Luis Hueso, quen realizará un achegamento ás características e á transcendencia deste filme. Ademais, o pianista Nani García actuará en directo para poñer a música de acompañamento á proxección.

‘Miss Ledyia’, que chegou ata os nosos días grazas aos materiais conservados polo Museo Provincial de Pontevedra e restaurados por Filmoteca Española e polo CGAI, reflicte espazos como o Gran Balneario da Toxa, as ribeiras do Lérez, Monteporreiro, Portosanto ou A Caeira, para recrear as peripecias de Miss Ledya, sobriña do multimillonario Míster Kazton na súa viaxe a Galicia en febreiro de 1916.

Castelao, actor
A película está protagonizada por Fefa Ximénez de Sandoval e entre os 16 actores e actrices principais do elenco figura Alfonso R. Castelao, quen encarnou o pastor protestante que na secuencia final porta unha arma para deter o anarquista Ruskin. Outros nomes que participaron na interpretación foron Fausto Otero, Mariña Fonseca, Clara Sobrino, Víctor Mercadillo, Isidoro Millán ou Blanco Porto.

Cunha duración de apenas 20 minutos, filmada en branco e negro con puntuais virados, máis alá do seu valor cinematográfico, a obra destaca por ser o testemuño da temperá dinámica creativa que sobre a sétima arte existía en Galicia.

No acto do próximo venres tamén se proxectarán outros materiais da época recuperados polo CGAI, como son ‘Botadura do acorazado Alfonso XIII’, de 1913; e ‘O Ano Santo en Compostela’, de 1915.

- Publicidade -spot_img