spot_img
InicioPontevedra e ÁreaPontevedra acolle esta semana un curso básico de prevención de riscos laborais...

Pontevedra acolle esta semana un curso básico de prevención de riscos laborais impartido polo ISSGA no que participan 80 alumnos

pontevedra-convertese-durante-unha-semana-en-capital-galega-da-cooperacion-e-a-solidariedadeEsta acción, de 35 horas de duración, ten como obxectivo dotar ao empresariado da formación e dos coñecementos que os capaciten para xestionar a prevención nas súas propias empresas ou centros de traballo

A oferta formativa do ISSGA, que se desenvolve tanto presencialmente nos seus centros provinciais, como en liña e a través da aula virtual, ten o propósito de proporcionar formación de calidade nesta materia, dando cumprimento ao Plan Estratéxico de Prevención de Riscos Laborais en Galicia 2011–2014

A formación en prevención de riscos no traballo, encamiñada á mellora do nivel de coñecemento técnico, constitúe unha das ferramentas máis axeitadas para implantar na sociedade unha auténtica cultura da prevención

O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), organismo dependente da Consellería de Traballo e Benestar, está a desenvolver esta semana unha nova edición do curso básico de prevención de riscos laborais no seu centro de Pontevedra, que conta coa participación de 80 alumnos. Un total de cinco deles asisten a través da colaboración realizada coa Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG).

Os obxectivos desta formación, de 35 horas de duración, son proporcionar o nivel de capacitación necesario para desenvolver as funcións de xestión da prevención e dotar ao empresariado da formación e dos coñecementos que os capaciten para xestionala nas súas propias empresas ou centros de traballo.

Entre esas funcións de nivel básico, están a de promover os comportamentos seguros e a correcta utilización dos equipos de traballo e protección e fomentar o interese e cooperación dos traballadores nunha acción preventiva integrada; realizar avaliacións elementais de riscos e, no seu caso, establecer medidas preventivas do mesmo carácter compatibles co seu grao de formación; colaborar na avaliación e o control dos riscos xerais e específicos da empresa, efectuando visitas para o efecto, atención a queixas e suxestións, rexistro de datos, e cantas funcións análogas sexan necesarias; actuar en caso de emerxencia e primeiros auxilios xestionando as primeiras intervencións para o efecto e, de ser o caso, cooperar cos servizos de prevención.

A Lei de prevención de riscos laborais establece a obriga de proporcionar aos traballadores a formación suficiente e axeitada sobre os riscos que afectan aos seus postos de traballo. Así mesmo, a lei encomenda ás administracións públicas o desenvolvemento de accións de formación, información e divulgación que contribúan, xunto aos empresarios e traballadores, ao logro dos obxectivos de mellora progresiva das condicións de traballo.

Nesta liña, a oferta formativa do ISSGA, que se desenvolve tanto presencialmente nos seus centros provinciais, como en liña e a través da aula virtual, ten o propósito de proporcionar formación de calidade nesta materia dando cumprimento ao Plan Estratéxico de Prevención de Riscos Laborais en Galicia 2011–2014.

A formación en prevención de riscos no traballo, encamiñada á mellora do nivel de coñecemento técnico, constitúe unha das ferramentas máis axeitadas para implantar na sociedade unha auténtica cultura da prevención. Nesa liña, aparte deste programa formativo destinado á poboación traballadora e aos expertos en prevención, o Instituto desenvolve outras campañas e actividades que pretenden inculcar xa desde a infancia a importancia da prevención, así como plans de asesoramento técnico de carácter sectorial a empresas e tarefas de investigación de accidentes, entre outras accións.

- Publicidade -spot_img