No centro social da rúa Oriente amplíase a atención a persoas con alzheimer de dous días a tres días semanais
O Concello de Ponteareas e a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia (AFAGA) selan o seu compromiso coa mellora da calidade de vida das persoas e amplían nun día máis o programa de estimulación cognitiva física e funcional para persoas con deterioro cognitivo. Grazas a este programa as persoas con alzheimer son atendidas no centro social de Ponteareas por un/unha psicólogo/a e un/unha terapeuta. Ademais, unha traballadora social informa e ofrece soporte a persoas coidadoras e familiares no centro social da rúa Oriente.
O convenio con AFAGA permite tamén achegar os coidados ao rural e implantar o programa “Cultiva a mente” que unha vez á semana axuda en Guláns e Xinzo a previr o deterioro cognitivo e traballa para atenuar as consecuencias da soidade non desexada.
Para facilitar a participación, os talleres de memoria desenvólvense actualmente nas parroquias de Xinzo e Guláns que xa comezaron a poñer en forma o cerebro das persoas usuarias nos meses de maio e xuño. Agora farán un descanso e retomarán as súas clases no mes de setembro.
A alcaldesa, Nava Castro, e a concelleira de Saúde, Raquel Plana, visitaron algunhas das sesións impartidas e adiantan que darán estabilidade a estas iniciativas que melloran non só a saúde tamén a rede social das persoas. “Existe a idea instaurada e apoiada cientificamente de que coidarse tanto física como mentalmente proporciona benestar e calidade de vida que pode prolongarse durante anos, así como que as persoas adultas maiores poden ser axentes activos na prevención de enfermidades dexenerativas”, sinala Raquel Plana.
O presidente de Afaga, Juan Carlos Rodríguez, agradece ao Concello de Ponteareas o seu compromiso e a súa intención de dar estabilidade a estes cursos que van máis aló da saúde xa que “contribúen ao mantemento de actividades sociais e a independencia na vida cotiá e axudan a que os adultos maiores adopten hábitos de vida máis saudables e teñan acceso a servizos de prevención”.
A alcaldesa adianta que seguirán dando cobertura a estas accións achegándoas á poboación das parroquias e a través das casas e centro culturais para promover tamén unha rede colaborativa que contribúa ao coidado e “a detectar posibles casos ás veces descoñecidos pola administración pero coñecidos para a veciñanza debido á proximidade. É fundamental combater a soidade e para iso, debemos elaborar e acondicionar espazos, programas e solucións adaptadas ás persoas maiores”.
Por último, Juan Carlos Rodríguez engade que ademais dos efectos beneficiosos contrastados da estimulación cognitiva, física, funcional e social, tamén é necesario responder as inquedanzas e preocupacións que presentan as persoas adultas maiores nesta etapa da vida, así como fomentar unha maior capacitación fronte aos desafíos actuais (dixitalización, compromiso ecolóxico, igualdade, entre outros).