14 investigadoras e investigadores da UVigo incorpóranse ao Cispac, que xa supera os 100 membros adscritos. O centro reforza así as súas liñas de investigación no ámbito das ciencias sociais e humanas
Como “un centro referente no ámbito da investigación das ciencias sociais e humanas en España”, refírese o seu director de transferencia e catedrático do departamento de Economía Aplicada da UVigo, Xavier Simón, ao Cispac, Centro de Investigación Universitario das Paisaxes Atlánticas Culturais. Creado a finais do ano 2021 polas tres universidades galegas, o centro acaba de incorporar máis de 40 investigadoras e investigadores, que se suman aos máis de 70 membros adscritos, superando o persoal investigador total o centenar. No caso da UVigo, nas últimas horas, incorporábanse 14 novos investigadores procedentes de áreas como a bioloxía, economía, ciencia dos alimentos e dereito administrativo, atopándose entre eles o director do grupo de investigación Post-Growth Innovation Lab, Mario Pansera. Pola banda da Universidade de Santiago súmanse ao Cispac 16 novos membros e por parte da Universidade da Coruña, 14.
Co gallo da incorporación do novo persoal investigador, a sede do centro, no edificio Fontán da Cidade da Cultura en Santiago de Compostela, celebrou un acto de benvida no que ademais da vicerreitora de Política Científica da USC, Pilar Bermejo, interviñeron os directores de transferencia e científico, Xavier Simón e Lourenzo Fernández e a directora adxunta, Laura Oso. Tanto a vicerreitora como os directores do centro de investigación destacaron a variada procedencia das áreas de estudo das novas e dos novos investigadores, que se incorporan para reforzar os cinco campos que abrangue o Cispac: paisaxes visitadas, con patrimonio, que producen e que teñen xente, seguindo as liñas estratéxicas de territorio, sustentabilidade e xénero.
O acto de benvida, que continuou cunha presentación das instalacións do centro, así como dos servizos que ofrece para os seu persoal, rematou con varias mesas redondas de traballo por campos especializados e unha sesión de traballo conxunta na que se recompilaron as dinámicas de traballo e a incorporación dos novos membros.
Un centro preparado parar responder aos retos da sociedade
Do total de 108 investigadoras e investigadores que a día de hoxe suma o Cispac, un 21,3% (23) pertencen á UVigo, dos que 13 son homes e 10 mulleres. “Trátase dun centro moi incardinado coa súa contorna”, asegura Xavier Simón, para quen a incorporación dos novos investigadores e investigadoras servirá para “fortalece a nosa misión, que nos permitirá co noso traballo estar preparados para responder aos retos que enfronta a sociedade, desde os ámbitos das ciencias sociais e humanas”, asegura do director de transferencia do Cispac.