A última xornada de Play-Doc centrará a súa programación, fundamentalmente, no cinema galego. O domingo comezará coa última sesión de proxección da sección competitiva Galicia, na que se poderán ver, no Teatro Municipal de Tui, Augas abisais, de Xacio Baño, Os corpos, de Eloy Domínguez Serén, Tengan cuidado ahí afuera, de Alberto Gracia, e A comuñón da miña prima Andrea, de Brandán Cerviño.
No mesmo recinto cultural, ás 18.30 horas, terá lugar unha das sesións máis especiais desta edición: a homenaxe que o certame rende ao director e guionista tudense Daniel Domínguez, unha das figuras clave do audiovisual galego das últimas décadas. Impulsor da Escola de Imaxe e Son, autor de numerosas series de televisión e películas, crítico cinematográfico e grande amigo do festival, Domínguez faleceu o pasado 2020. Cineastas de Galicia como Pepe Coira ou Sandra Sánchez, ou o fundador, con Domínguez, da Escola de Imaxe e Son, Manolo González, asistirán a un encontro especial no que se proxectará Río de sombras, película filmada por Daniel Domínguez en Tui no ano 1986.
Entrega de premios
O acto central da xornada será o anuncio do palmarés da 17ª edición de Play-Doc. Ás 20.30 horas, tamén no Teatro Municipal de Tui, terá lugar a cerimonia de entrega de premios das películas gañadoras das seccións longametraxes, cortometraxes e Galicia. As películas gañadoras proxectaranse a partir das 21.30 horas pero, antes, como broche dourado á gala de peche, Play-Doc estreará en Galicia o documental No somos nada, de Javier Corcuera, sobre a última xira da mítica banda punk La Polla Records, cuxo cantante, Evaristo Páramos, é tudense.
| Axenda Play-Doc 26 de setembro 16.30 horas | Teatro Municipal 17.00 horas | Teatro Municipal – Sala de prensa 17.30 horas | Seminario Menor 18.30 horas | Teatro Municipal 18.30 horas | Teatro Municipal – Sala de prensa 19.30 horas | Seminario Menor 20.30 horas | Teatro Municipal 21.30 horas | Seminario Menor 22.30 horas | Teatro Municipal |



