A lingua galega nos usos xurídicos
O manifesto que se redactou para esta celebración é o seguinte:
Os abaixo asinantes, veciños dos concellos de Redondela, Soutomaior, Pazos de Borbén e Fornelos de Montes (Partido Xudicial de Redondela) con ocasión de cumprírense trinta anos da primeira sentenza que se ditou en galego manifestamos públicamente o noso apoio ao uso do idioma galego nas actuacións administrativas, nas relacións xurídicas e nos procesos xudiciais.
A declaración do galego como lingua oficial na nosa terra foi unha conquista histórica que chegou xunto co Estado democrático e a Autonomía política pola que loitaron tantas cidadás e cidadáns de moitas xeracións despois de séculos de tebras e silencio. Por iso, o dereito a utilizar o galego en todos os ámbitos da vida pública e especialmente nas relacións xurídicas, constitúe hoxe en día un dereito ao que non podemos renunciar.
En coherencia con iso expresamos a nosa vontade de utilizar a lingua galega oralmente e por escrito nos actos xurídicos nos que participemos (contratos, testamentos, declaracións, etc.) e demandamos das institucións públicas, dos notarios e notarias, xuíces e xuizas, avogados e avogadas e demais profesionais do Dereito, unha actitude positiva e de colaboración que posibilite o uso cotiá e normal do noso idioma en todos os ámbitos da vida pública.
Nese sentido, subliñamos que os servidores públicos teñen o deber de cumprir a lei e promoveren a igualdade dos cidadáns galegofalantes nas súas esferas de actuación, converténdose en exemplo de respecto aos dereitos lingüísticos das persoas e posibilitando que os contratos, testamentos, declaracións e calquera outra actuación poidan realizarse en lingua galega.
Somos conscientes de que o elemento central da identidade de Galicia é a lingua que nos une e que ésta constitúe o alicerce que sostén a nosa cultura. Por iso, facemos un chamamento aos concellos e ás institucións públicas de Galicia e ao conxunto das cidadás e cidadáns deste país para normalizar o idioma galego en todas as esferas da vida social e para manter en pé a dignidade do noso pobo.



