Inicio Galicia Os recursos virtuais para a aula centran as XVI Xornadas de Normalización...

Os recursos virtuais para a aula centran as XVI Xornadas de Normalización Lingüística

Os recursos virtuais para a aula centran as XVI Xornadas de Normalización LingüísticaOrganizadas por Escolas Católicas co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, están dirixidas a profesorado de centros públicos e privados

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a secretaria autonómica de Escolas Católicas, Juana Otero, inauguraron esta tarde as XVI Xornadas de Normalización Lingüística, un evento formativo dirixido a equipos de dinamización da lingua galega e, en xeral, profesorado, tanto de centros públicos coma concertados e privados.

Valentín García explicou que os recursos e ferramentas presentados hoxe “terán unha dobre función: favorecer que os equipos de dinamización e o resto do profesorado poidan seguir facendo o seu labor educativo en galego mesmo cando o alumnado ten que gardar corentena e aumentar o uso do galego na rede e coas novas tecnoloxías, o que xa en si mesmo é unha ensinanza para o estudantado, que pode comprobar que a nosa é unha lingua moderna que vale para desenvolverse no século XXI e cos medios do século XXI”.

As XVI Xornadas de Normalización Lingüística están organizadas por Escolas Católicas en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Dadas as especiais circunstancias deste ano de pandemia, celébranse por primeira vez en liña e están dedicadas, fundamentalmente, a abordar os contidos, ferramentas e recursos virtuais que permiten a continuidade da actividade educativa a distancia. Fano a través dun relatorio e de tres experiencias de centros. O relatorio, titulado O Museo Pedagóxico de Galicia achégase ás aulas: ferramentas e recursos, corre a cargo de Beatriz Seco e María Pais, directora e responsable de didáctica do MUPEGA, respectivamente. A continuación presentaranse as experiencias O xeróglifo como recurso para dinamizar as aulas de lingua, de Carlos L. Medrano (CPR Plurilingüe Fogar Santa Margarida, A Coruña); Pan comido. Xogando en galego, de Anxo Gómez (IES de Carral), e Gamificando co galego, de Ginés Vázquez e David Méndez (CPR Plurilingüe Padres Franciscanos de Lugo).

As xornadas pecharanse coa entrega dos Premios Irmán Reboiras ás mellores iniciativas -este ano, tamén virtuais- de fomento do galego. Os galardóns de 2020, que contan co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Editorial Santillana, recaeron nos equipos de dinamización da lingua galega do CPR Plurilingüe Esclavas Sagrado Corazón de Jesús da Coruña e do CPR Plurilingüe Divino Maestro de Santiago de Compostela. O primeiro dos centros foi premiado polas actividades A Semana de Galicia, Presentación das Letras Galegas, Vocabulario Galego e Xogo: A Granxa, mentres que o segundo foi recoñecido polas propostas Escribimos poemas, Recuperamos os Maios e Realizamos un proxecto kamishibai.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

Publicidade

+ VISTOS

Publicidade
Publicidade



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies