Na mostra poderán verse os maios de pequeno formato que crea a artista Cristina Barreiro e están invitados a sumarse os concursantes do certame do Ateneo Santa Cecilia, se fan unha réplica do maio real que presenten ao concurso.
As concelleiras Beatriz Rodríguez e Itziar Álvarez presentaron, xunto coa artista Cristina Barreiro, a mostra de Maios que se poderá ver no Museo Torres do 1 ao 8 de maio. Durante eses oito días, os que visiten o centro museístico poderán gozar da arte, do traballo e da imaxinación e tradición de Cristina, cunha mostra de máis de 20 maios en pequeno formato creados por ela mesma.
Esta mostra ten por obxecto manter vivo o espírito dos maios, unha festa popular moi arraigada no noso municipio. Tal e como explicaron as concelleiras, aos maios de Cristina poderán sumarse réplicas dos que se presenten ao Concurso convocado polo Ateneo Santa Cecilia.
Os maios en Marín teñen unha importante tradición, onde as embarcacións marcan tamén un punto distintivo propio da nosa vila. Este ano, dadas as restricións da pandemia, non se pode realizar un acto multitudinario na Alameda coma outros anos e por iso o Concello aposta por esta exposición de pequeno formato.




