A cooperativa líder no sector agroalimentario cárnico de España e o grupo adegueiro, a través da conserveira vexetal, presentaron onte no Pazo de Mos “o lacón con grelos en conserva”, un produto emblemático da gastronomía autóctona con ingredientes de máxima calidade que manteñen intactas as súas propiedades nutricionais
Os Grupos Coren e Terras Gauda -a través da Rosaleira Conservas Vexetais-, unen forzas para presentar o seu novo lacón con grelos en conserva, elaborado a partir de produtos de máxima calidade procedentes de Galicia. A experiencia en I+D+i resultou fundamental para preservar e potenciar as propiedades nutritivas e a alta calidade duns ingredientes que representan os estándares de excelencia de ambas as compañías.
O lacón con grelos Coren – A Rosaleira, que remite á mellor tradición gastronómica de Galicia, elabórase con lacón oreado e chourizos Selecta de porcos alimentados con castañas, ademais de grelos e patacas. Está concibido como un produto para o día a día, rápido e nutritivo, listo para consumir. Ademais carece de glute e lactosa.
O lacón e o chourizo de Coren proceden exclusivamente de porcos Selecta criados de modo tradicional en Galicia e alimentados con castañas galegas. A cooperativa apostou, a través da súa gama Selecta, por recuperar o mellor da tradición autóctona, plasmada na crianza ancestral dos porcos. A súa alimentación a base de castañas dá como resultado unha carne veteada e de excelente sabor.
Cooperativa líder no sector agroalimentario cárnico de España, e unha das máis importantes a nivel mundial, Coren ten desde hai máis de 55 anos o firme compromiso de producir alimentos frescos, 100% galegos, de máxima calidade, baseándose nos valores de benestar animal, medio ambiente, trazabilidad e innovación.
A Rosaleira, incorporada ao Grupo Terras Gauda en 2007, realiza unha supervisión integral dos grelos, amparados pola Indicación Xeográfica Protexida Grelos de Galicia, comezando por unha simiente propia que é facilitada a agricultores de plena confianza. Un equipo propio supervisa sobre o terreo que o vexetal se atopa nas mellores condicións. Nas instalacións do Rosal selecciónase manualmente, escollendo unicamente as mellores follas, e sométese a un procedemento de escalfado que mantén intactas as súas recoñecidas propiedades antioxidantes. A pataca, da variedade Kennebec, cultívase na Limia e está amparada pola Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia.