A Regata está Incluída no calendario nacional da Real Federación Española como clasificatoria galega para a Final do Campionato de España de Cruceiros
As instalacións do Real Club de Mar de Aguete en Seixo-Marín, acolleron a presentación do seu evento deportivo por excelencia, a Regata Cruceiros de Aguete que cumpre este ano as súas vodas de prata coa 25ª Edición. A súa presidenta María del Carmen de la Puente estivo acompañada da alcaldesa de Marín, María Ramallo; Comandante-Director da Escola Naval Militar, capitán de navío Pedro Cardona Suanzes; presidente da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra, José Benito Suárez Costa; presidente en funcións da Real Federación Galega de Vela, Manuel Villaverde Fernández; deputada provincial de Cohesión Social, Olga María García Ballesteros e a comodora do Club, Celina Torrado, así como distintos patrocinadores, colaboradores e xunta directiva do club organizador.
O evento celebrarase esta próxima fin de semana, 30 e 31 de xullo, facendo que a Ría de Pontevedra sexa novamente escenario dunha das citas anuais máis importantes de Galicia no deporte da Vela na clase Cruceiro, dado que este evento é o máis lonxevo desta comunidade autónoma dos designados (este ano é o único galego) pola Real Federación Española de Vela como puntuable para a Copa de España de Cruceiros con 19 anos seguidos. Este ano ademais, será regata Clasificatoria Galega para acudir á final do Campionato de España de Cruceiros desta tempada e que se celebrará a primeiros de outubro.
A organización espera contar coa participación de 30/35 embarcacións participantes, cuxa inscrición aínda se está realizando nestes días, debido a que teñen de prazo para facelo ata o vindeiro venres día 29 de xullo.
Novamente este ano convídase a participar tamén de forma especial nunha clase exclusiva para eles, aos denominados Veteranos Clásicos, para que poidan gozar navegando xunto aos modernos barcos de regatas. Son este tipo de embarcacións que se atopaban ata hai poucos anos totalmente paradas nos portos e mariñas por estar desfasadas ou xa con poucas prestacións.




