Un ano máis, as portas do castelo de Soutomaior abriranse para unha nova edición do
Workshop on Dynamic Macroeconomics. Este congreso, organizado polo grupo de investigación Research Group of Economic Analysis (RGEA) da Universidade de Vigo, centrarase este ano na crise financeira, que afecta á situación macreoconómica global. Para tal fin, prestixiosos profesores e profesoras do ámbito internacional reuniránse neste castelo desde o día 21 ata o 23 de xuño, na que será a súa XXI edición. Ademais de para propiciar o encontro e o debate entre personalidades da área da economía de fronteira, este congreso ten como finalidade a presentación de traballos de investigación de alumnado en fase de doutoramento. Para eles está dirixido este encontro, tal como explica o docente e organizador, Jaime Alonso, “pois o obxectivo deste workshop é o de ofrecer a estes novos investigadores un marco incomparable para a exposición dos seus traballos”.A actualidade manda, e neste caso, a crise económica centrará gran parte dos debates e traballos expostos durante o congreso. Segundo comenta Alonso, “moitas das investigacións versarán sobre o interese por entender mellor as razóns, causas e consecuencias futuras da crise económica global”. De entre máis de 40 traballos recibidos, soamente 15 foron os seleccionados para poder ser expostos nesta edición. Este novos investigadores e investigadoras proceden de diversas universidades de España, Europa, ou Estados Unidos, reflexo da realidade multicultural do certame. Os candidados ou candidatas seleccionados terán a oportunidade de expor as súas investigacións durante unha hora, en inglés, diante dun comité científico que será quen avalíe e discuta os pormenores dos traballos.Mais este persoal investigador e avaliador non estará só, pois agardase a asistencia dunha decena de personalidades do ámbito internacional. Entre eles está o gañador do premio Nobel do 2004, o profesor Finn Kydland da Universidade de California, que xa é un habitual deste simposio. Xunto con este prestixioso economista, tamén haberá representación docente de universidades españolas, europeas e americanas. Sobre a cantidade de asistentes de fora de Galicia ou España, o coordinador salienta que “este evento se está a converter nun referente internacional no ámbito da análise macroeconómica”. Moitos dos programas de doutoramento máis importantes do mundo están a tomar este congreso como unha parada obrigatoria, “polo que resulta un recoñecemento do prestixio da Universidade de Vigo e do equipo de investigación RGEA”, explica Alonso.
Premios aos mellores traballosAdemais da oportunidade que supón ser seleccionado para ensinar os avances no traballo de doutoramento, desde a edición do 2008, o comité científico concede tres premios ás mellores presentacións. Os gañadores ou gañadoras son distinguidos pola súa excelencia científica e a claridade e calidade das súas presentacións, o que supón, segundo o coordinador, “outra razón para presentar ás súas candidaturas e vir pasar uns días ao castelo”.O Workshop on Dynamic Macroeconomics non se podería entender sen Soutomaior, pois, segundo comenta o coordinador, “o castelo é un espazo incrible, debido ao seu carácter illado, que permite un maior aproveitamento do tempo e mellora a interacción dos participantes”. A través dos xantares e ceas, os asistentes pasarán a maior parte dos tres días intercambiando experiencias e pensamentos, nunha contorna silenciosa e apracible, que invita ao recollemento e á reflexión. Mais non todo vai ser silencio, pois está previsto unha escapada ao Miño, onde os convidados terán a oportunidade de facer rafting nas augas do río.