spot_img
InicioVigo e áreaRedondela“Os contos de Joselín” en Redondela, un espectáculo de aCentral Folque con...

“Os contos de Joselín” en Redondela, un espectáculo de aCentral Folque con Quico Cadaval e Celso F. Sanmartín

Cartel contos_Joselín (Copiar)Este sábado, 7 de febreiro de 2015, ás 20.00 h, o Centro Recreativo de Redondela acolle o espectáculo “Os contos de Joselín”

Este espectáculo nace do libro “Os contos de Joselín, primeiros documentos sonoros do teatro galego (1929-1954)”, presentado hai uns meses.

Na busca dun teatro de actualidade, lúdico, crítico e aberto á interacción co público, Quico Cadaval e Celso F. Sanmartín, volven os ollos sobre a súa tradición: a dos contacontos. Unha historia aínda non contada na que se agochan incríbeis figuras como a de Joselín, o narrador galego de máis éxito de todo o século XX. Trátase dun espectáculo que provoca o riso a todos os públicos, de calquera idade, no que aparecen historias de mortos, de caciques, de curas, de personaxes singulares

José Rodríguez Vicente, Joselín, é o protagonista dos primeiros documentos sonoros do teatro galego (1929-1954). Foi un home versátil e contraditorio, que tivo o seu maior momento de popularidade de 1929 a 1932, en Galicia, e xa nos anos 30, na Arxentina.

Admirado polos galeguistas republicanos e condecorado polas ditaduras, converteuse en ídolo de masas en Buenos Aires, foi guionista de cine en Madrid, e converteuse en supervendas discográfico en Galiza, España e Arxentina, cos seus vinte e tres ‘contos galegos’ gravados. A súa descuberta chegou hai uns meses cunha edición de aCentral Folque da súa obra gravada completa, editada nun libro-CD titulado Os contos de Joselín. José Rodríguez de Vicente. Primeiros documentos sonoros do teatro galego (1929-1954).

Para levalo á escena, Cadaval e Celso funden con enorme habilidade as súas historias, e dan renda solta á súa capacidade de improvisación para dar forma a un espectáculo no que os tres evocan a Joselín, nas súas facetas de contador e cantador de historias, e no que se achegan a temas de actualidade establecendo, en colaboración co público, un circuíto de información alternativo.

No teatro contemporáneo son moitos os exemplos do aproveitamento das técnicas de narración e improvisación teatral herdadas da cultura popular mas é sobre todo no mundo dos narradores orais onde esa tradición se manifesta hoxe en día en todo o seu explendor.

Neste espectáculo d’Os Contos de Joselín recupérase esa tradición e ofréceselle ao público actual, acompañada dunha proxección de imaxes históricas de Joselín, e da oportunidade de oír un conto gravado na súa voz.

Entre sus múltiples facetas, foi alcalde de Baiona, vila na que o seu nome aínda resoa con forza e agarimo.

Quico Cadaval

Actor, director e adaptador teatral, foi o impulsor do movemento de contacontos xurdido en Galicia na década dos noventa. Comezou na interpretación teatral a fins dos setenta no Centro Dramático Galego, para, a mediados dos oitenta, fundar a súa propia compañía, “O Moucho Clerc”. Traballou en diferentes producións da televisión autonómica galega, así como en curtas e longametraxes. Continúa a traballar no audiovisual como actor e como guionista. Foi profesor de interpretación de “Operação Triunfo” (Portugal, 2003).

Celso F. Sanmartín

Contador de contos e historias de tradición oral. El é o continuador do movemento xurdido en Galiza nos anos noventa mais, malia a súa mocidade, os seus contos enraízan coa terra e coa tradición oral da súa comarca do Deza natal dunha maneira orixinal que fai del un referente neste estilo. Celso, ademais de pola súa xenuinidade como contador, tamén destaca por ser dos poucos en Galiza que posta polo conto como profesión dunha maneira máis decidida.

- Publicidade -spot_img