A Organización de Palangreiros Guardeses ( Orpagu) acaba de recibir un novo recoñecemento á súa traxectoria. Nesta ocasión, trátase dunha importante distinción que enxalza o seu labor en favor da sustentabilidade dos recursos e do mar: o Premio Excelencias Turísticas 2019 na súa categoría Azul.
Un galardón que recolleu esta tarde en Madrid, no marco da feira Fitur, e que foi recibido con enorme satisfacción por parte dos armadores de Orpagu, que consideran que se outorga valor a todos os esforzos que veñen realizando desde hai anos para o coidado do medio no que traballan e do que dependen numerosas persoas na Guarda. O galardón está así mesmo vinculado ás súas conservas de peixe espada e atún elaboradas con prácticas sustentables e produtos de primeira calidade.
Orpagu foi a única empresa galega galardoada nos Premios Excelencia 2019, outorgados polo Grupo Excelencias, o que supón un maior orgullo para a organización que preside Joaquín Cadilla. Entre as actividades despregadas pola organización nos últimos anos neste ámbito destacan as súas xornadas internacionais de pesca ao redor de temas de actualidade para o sector, cursos de primeiros auxilios para que os pescadores consigan devolver ao mar con vida as tartarugas capturadas de forma accidental, así como a súa participación na creación do FIP Blues, o primeiro proxecto de mellora pesqueira a nivel mundial que inclúe unha especie de quenlla ou a súa aposta polas velas ríxidas para os palangreiros para aforrar combustible e minimizar o seu impacto no medio mariño, entre outras iniciativas.
Orpagu foi preseleccionada xunto a outra empresa española para o Excelencias Azul, pero finalmente o xurado, formado por profesionais independentes do mundo do turismo e a gastronomía, decantouse polo proxecto galego pola súa relevancia e a súa aposta clara pola sustentabilidade.
Os Premios Excelencia son uns galardóns que o Grupo Excelencias creou hai 15 anos co obxectivo de remarcar a grandeza en diferentes ámbitos relacionados co turismo, a gastronomía e a cultura en Iberoamérica e que se converteron nun referente. En 2005, este grupo decidiu que aqueles proxectos, institucións ou persoas do sector turístico que foran excelentes no seu terreo debían ser recoñecidos e premiados, outorgándolles a oportunidade de difundir os seus méritos e resultados. Desta forma, un xurado
internacional formado por personalidades da cultura e o turismo analiza os proxectos máis representativos do ano, valorándoos segundo as súas achegas desde moi diversas perspectivas. De feito, o Premio Excelencias pode ser para unha idea, unha innovación, unha asociación… Foi tal o éxito e tantas as candidaturas recibidas que o grupo empresarial decidiu sumar ao proxecto o Excelencias Gourmet para recoñecer traxectorias, esforzos, proxectos e resultados nesta área, así como para dar visibilidade a proxectos gastronómicos que favorecen e apoian a cultura e o turismo.
Á gala celebrada esta tarde acudiu en representación da Organización de Palangreiros Guardeses, Laura Baz, quen recibiu o galardón de mans do presidente do Grupo Excelencias, José Carlos Santiago.



