·Publicidade ·spot_img
InicioBaixo MiñoA GuardaOrpagu promove as bases para a estandarización do observador electrónico na pesca...

Orpagu promove as bases para a estandarización do observador electrónico na pesca española

Orpagu promove as bases para a estandarización do observador electrónico na pesca española
Foto realizada por un observador electrónico nun barco de Orpagu

O proxecto Obepal, que se prolongará ata novembro de 2021, é pioneiro en Europa e conta co financiamento da Fundación Biodiversidade e do Ministerio para a Transición Ecolóxica, a través do programa Pleamar.

A Organización de Palangreiros Guardeses, coa colaboración de numerosas institucións públicas e privadas do sector da pesca, puxo en marcha o proxecto Obepal, que ten como obxectivo a estandarización da metodoloxía de observación electrónica pesqueira monitorada, como alternativa e complemento á presenza de observadores físicos a bordo, pero mantendo a mesma fiabilidade. Tal meta abarca desde as condicións de instalación, ata a obtención de datos, a súa análise e a presentación de resultados co fin de conseguir transparencia, sustentabilidade e eficiencia na actividade pesqueira, así como para asegurar o correcto funcionamento do sistema remoto.

Desde hai varios anos, as Organizacións Rexionais de Ordenación Pesqueira ( OROP’ s) promoven a presenza de observadores nos barcos como método de control e fonte de datos fiable. De feito, ICCAT esixe un 5% de cobertura de observación nos buques de palangre e na CIAT esta esixencia está a incrementarse gradualmente ata un 20%. Como ben sabe a frota, embarcar a un científico é custoso e limita máis un espazo xa de seu reducido como é un buque de pesca e no que teñen que convivir varias persoas durante semanas, situación que se agravou aínda máis nos últimos tempos con motivo da pandemia.

É por iso que nos últimos anos veuse desenvolvendo a monitoraxe electrónica como alternativa ou complemento á observación científica, unha opción que xa vén reflectida nas recomendacións das organizacións rexionais de pesca. Para logralo, o sistema necesita dalgúns axustes e, sobre todo, dunha norma ou estándar que dea a posibilidade de certificación da súa metodoloxía en canto a condicións de instalación, privacidade das tripulacións, así como na recollida e análise de datos, algo que aínda non existe. E aquí é onde encaixa o proxecto Obepal impulsado pola Organización de Palangreiros Guardeses ( Orpagu).

Coa colaboración do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC, a Fundación Biodiversidade e o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o cofinanciamento dos FEMP, o proxecto impulsado por Orpagu, posto en marcha o pasado día 1 de novembro e que se estenderá un ano, coñecerá o estado actual da observación electrónica, en canto a metodoloxías de captación de datos, análises e presentación de resultados “en base aos requirimentos de cada Organización Rexional de Pesca”. Todo iso tendo como finalidade última a certificación dos buques nesta materia de tanta relevancia para o sector.

Así, unha vez concluído o proxecto, divulgaranse os resultados tanto da norma desenvolvida como dos procesos de certificación, para que calquera entidade interesada poida acollerse a ela. Ademais da colaboración do CSIC como organismo científico recoñecido, os palangreiros guardeses contan tamén coa Asociación Española de Normalización, para o estudo e elaboración dunha norma UNE que detalle e especifique todos os requisitos a cumprir para que a observación electrónica sexa certificable e ofreza, por tanto, fiabilidade en canto aos datos obtidos fronte a calquera organismo ou administración con competencias nesta materia.

- Publicidade -spot_img

Publicidade
Publicidade