spot_img
InicioBaixo MiñoO xurista e activista Octavio Salazar inaugurará a VI Semana da Educación...

O xurista e activista Octavio Salazar inaugurará a VI Semana da Educación de Tomiño

A conferencia abordará a necesidade de incorporar a perspectiva feminista á educación, e poderase ver de balde por streaming o 8 de febreiro ás 19:00h

A VI Semana da Educación de Tomiño prepárase xa para a súa VI edición, que se celebrará entre os días 8 e 11 de febreiro. A inauguración das xornadas correrá a cargo do xurista e activista Octavio Salazar, e a súa conferencia poderá ser acompañada de balde por streaming o vindeiro 8 de febreiro ás 19:00 horas.

Octavio Salazar defínese como egabrense, pai dun fillo de 18 anos, republicano, laico e xurista heterodoxo en “proceso de ser feminista”. Conta cunha ampla actividade docente e investigadora:

  • Catedrático de Dereito Constitucional da Universidade de Córdoba
  • Responsable do Grupo de Investigación Democracia, Pluralismo e Cidadanía.
  • Liñas de investigación: igualdade de xénero, diversidade cultural e relixiosa, participación, goberno local, novas masculinidades, dereitos LGTBI.
  • Investigador principal do Proxecto de Investigación “Xerando unha interpretación do dereito en clave de igualdade de xénero”, financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades (2019-2021).
  • Docente sobre igualdade de xénero en másteres universitarios.

Recibiu varios premios de investigación e é autor de diversas monografías relacionadas coa igualdade. Autor e/ou coautor de varias obras literarias e colaborador habitual de medios escritos e dixitais con artigos de divulgación en materia de igualdade: Diario Córdoba, eldiario.es, The Huffington Post, Tribuna Feminista, Blog Mujeres de EL PAÍS, Diario Público, Agenda Pública ou Revista GQ.

Conferencia:  Educación, feminismo e masculinidades

No seu relatorio abordarase como a educación debería incorporar a perspectiva feminista, o cal supón ir máis aló da mera coeducación; habería que desenvolver programas específicos de intervención coa mocidade. O obxectivo non sería outro que dar resposta paritaria ao modelo educativo que marca o artigo 27.2 da Constitución Española e vinculalo co reto de como redefinimos as condicións da vida en común.

Lémbrase tamén que as xornadas contarán con intepretación simultánea en lingua de signos. Poderase acceder á conferencia de Octavio Salazar a través da plataforma Zoom, mediante a seguinte ligazón: https://us02web.zoom.us/j/89186441458

Desde a Concellería de Educación convidan a todas as familias a participar destas xornadas, un evento tradicional xa na programación municipal que procura servir de apoio para a educación dos fillos e fillas, contando coa visión de importantes expertos e figuras de relevancia en distintos sectores profesionais..

- Publicidade -spot_img