spot_img
InicioGalicia'O Xacobeo 2021 e a Ruta da Seda’ un plan de acción...

‘O Xacobeo 2021 e a Ruta da Seda’ un plan de acción para mellorar as relacións de Galicia con China

'O Xacobeo 2021 e a Ruta da Seda’ un plan de acción para mellorar as relacións de Galicia con ChinaO director do IGADI, Daniel González, e a sinóloga Marola Padín presentaron hoxe o proxecto “O Xacobeo 2021 e a Ruta da Seda: Camiños para o diálogo Oriente – Occidente” en Compostela

O director do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), Daniel González Palau, e a sinóloga Marola Padín Novas, presentaron hoxe o proxecto “O Xacobeo 2021 e a Ruta da Seda: Camiños para o diálogo Oriente-Occidente” no Centro de Estudos Avanzados de Santiago de Compostela, coincidindo co 32 aniversario da declaración do Camiño de Santiago como primeiro Itinerario Cultural Europeo polo Consello de Europa.

Esta proposta, xurdida ao abeiro do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia, conta coa colaboración dos concellos de Santiago, A Coruña, Pontevedra e Lugo, así como de Casa Asia, e  nace, segundo Palau para “ofrecer unha diagnose das relacións entre Galicia e China na última década e propoñer un plan de acción para promover o Xacobeo 2021 e Galicia no xigante asiático con carácter integral”.

Pola súa banda, a sinóloga Marola Padín sinalou que este proxecto, que se desenvolverá entre outubro do presente ano e abril de 2020, pretende “facer de ponte entre os dous pobos para favorecer o coñecemento e riqueza cultural do Camiño de Santiago en China”. Outro dos seus obxectivos é definir as sinerxías existentes entre este itinerario e a Ruta da Seda “que permitan desenvolver novos proxectos nun futuro próximo” apuntou a investigadora.

Neste sentido, a proposta comprenderá unha revisión bibliográfica arredor do Camiño de Santiago e a Ruta da Seda co fin de establecer cinco liñas narrativas que conecten os dous itinerarios, e albergará distintas iniciativas para promocionar o Ano Santo en China e situar a cidade de Santiago de Compostela como capital de referencia para o diálogo entre Europa e o país asiático.

Estudo e xornadas

“O Xacobeo 2021 e a Ruta da Seda” contempla, ademais, a elaboración dun estudo no que se identificará unha rede de actores chineses e galegos de carácter institucional, económico, sociocultural, turístico e espiritual con intereses no Xacobeo 2021 e a Ruta da Seda co obxectivo de que “a partir de 2020 as relacións que se establezan con China, se fagan con carácter sistemático, dende unha posición coral e participativa da sociedade galega”, afirmou Palau.

O proxecto culminará en abril coa celebración dunhas xornadas en Santiago de Compostela ás que asistirán especialistas galegos, europeos e chineses para abordar as relacións UE – China. A este respecto, o director do IGADI indicou que a iniciativa pretende tamén promover os lazos institucionais e académicos.

“As relacións entre Galicia e China aumentaron de forma exponencial nas últimas décadas, especialmente as de carácter comercial, de feito a nosa Comunidade rexistra o 40% do investimento chinés en España”. Palau especificou, ademais, que este crecemento tamén foi notable na esfera académica, con intercambios estudantís nas universidades galegas.

De rutas e camiños

A proposta está inspirada no artigo “De rutas e camiños no S.XXI” (2015), do fundador e Presidente de Honra do IGADI, Xulio Ríos, e tal como sinalamos anteriormente, conta coas achegas dos Concellos de Santiago, A Coruña, Pontevedra e Lugo, así como coa colaboración de Casa Asia, entidade dependente do Ministerio de Relacións Exteriores do Estado.

Sobre o IGADI

O Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) é un think tank independente que nace en 1991 cun dobre propósito: reflexionar sobre os problemas e tendencias da sociedade internacional contemporánea e pular por unha maior inserción de Galicia no mundo a todos os niveis.

- Publicidade -spot_img