O primeiro día de 2016 entrou en vigor oficialmente a Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sustentable que durante os próximos 15 anos marcará a pauta para construír un mundo máis xusto e equitativo para toda a poboación, ademais de velar polo medio ambiente.
A Axenda, aprobada polos 193 Estados membros da ONU en setembro pasado, está composta por 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS), entre os que destacan a erradicación da pobreza e a fame, a consecución de educación e servizos médicos universais e a protección dos ecosistemas mariños e terrestres.
‘Os 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable son a nosa visión compartida da humanidade e un contrato social entre os líderes do mundo e as persoas‘ dixo o Secretario Xeral da ONU, Ban Ki-moon.
Os ODS abordan as necesidades das persoas dos países desenvolvidos e en desenvolvemento, facendo fincapé en que non debe deixarse a ninguén atrás.
A Axenda integra as dimensións social, económica e ambiental do desenvolvemento sustentable, e atende aspectos relacionados coa paz, a xustiza e as institucións eficaces.
A mobilización de medios de aplicación, entre eles recursos financeiros, desenvolvemento e transferencia de tecnoloxía e desenvolvemento da capacidade, así como o papel das alianzas, tamén se recoñecen como esenciais.
Para a posta en marcha do novo plan, Ban Ki-moon subliñou que facer realidade a Axenda é responsabilidade principalmente dos países, pero agregou que tamén requirirá novas alianzas e solidariedade internacional.
O exame dos avances levará a cabo periodicamente en cada país, coa sociedade civil, as empresas e os representantes de varios grupos de interese. A nivel rexional, os países compartirán experiencias e tratarán asuntos comúns, mentres que con carácter anual en ONU, o Foro Político de Alto Nivel sobre o Desenvolvemento Sustentable (FPAN) fará un balance dos progresos a nivel mundial, identificando as deficiencias e cuestións emerxentes e recomendando medidas correctoras.




