A competición de cruceiros do Monte Real Club de Yates cambia este ano de formato e suma o percorrido costeiro Sanxenxo-Baiona ao de Vigo-Baiona que viña celebrando. Ambas as probas disputaranse o vindeiro sábado pola tarde e nelas poderán participar tamén veleiros monotipo da clase J80 e Fígaro. A empresa de comunicación visual da Guarda Comunica patrocina e dá nome por segundo ano consecutivo ao trofeo que abre o calendario de cruceiro en Baiona Baiona,
O Trofeo Comunica unirá este sábado as localidades mariñeiras de Sanxenxo, Vigo e Baiona na que será a primeira gran competición de cruceiros organizada polo Monte Real Club de Iates neste 2018.
Coa colaboración do Real Club Náutico de Sanxenxo, o Real Club Náutico de Vigo e a Federación Galega de Vela, o club baionés cambia este ano o formato do trofeo e súmalle ao trazado Vigo-Baiona que viña celebrando un novo percorrido costeiro, entre Sanxenxo e Baiona.
Haberá, por tanto, dous puntos de partida con diferentes distancias ata un mesmo punto de chegada. Os veleiros que escoiten o top de saída no porto lilaino deberán completar unhas 18 millas ata a baía baionesa, e os que fagan o propio desde o náutico vigués terán por diante un percorrido dunhas 12 millas.
Se o vento se alía coa organización e permite cumprir o programa previsto, o comité de regata dará a saída á unha da tarde para a frota de Sanxenxo e ás dúas para a de Vigo, e fixará uns puntos obrigados de paso ata a liña de chegada, que estará situada nas proximidades do espigón de Baiona.
Ademais de veleiros do tipo cruceiro e cruceiro-regata, na competición poderán participar monotipos da clase J80 e Fígaros, que se disputarán as probas en tempo real; e haberá tamén unha clase Open para embarcacións con menor capacidade competitiva.
A falta de varios días para que se peche o prazo de inscrición, que permanecerá aberto ata a xornada previa ao desenvolvemento das probas, xa confirmaron a súa presenza na competición algúns dos veleiros máis destacados da #ver cruceiro en Galicia, como o Fend a Bise de Jean Claude Sarrade, vixente campión galego de solitarios e a dous; A Burla Negra, de Juan José Martínez; ou o Bosch Service Solutions, do comodoro de Canido, Ramón Ojea. Participarán tamén un gran número de J80, que seguen preparándose para o Campionato de España da clase que se celebrará en Baiona a finais deste mes de abril.
Unha vez finalizadas as probas do trofeo, entregaranse os premios aos gañadores, nun evento que se celebrará no Monte Real Club de Iates e no que participarán, entre outros, representantes do club organización e de Comunica, a empresa patrocinadora. É unha firma de comunicación visual que ofrece os seus servizos a toda Galicia desde o municipio da Guarda, onde se sitúa a súa sede principal.
Na última edición do Trofeo Comunica impuxéronse o Oral Group Galimplant, do Real Club Náutico de Sanxenxo, patroneado por Pedro Pazos; e o Balea Dous do Real Club Náutico de Rodeira, liderado por Luís Pérez; nas categorías de Cruceiro-Regata e Cruceiro respectivamente. Na competición dos monotipos, os premios quedaron en Baiona, con vitoria de dous barcos do Monte Real Club de Iates. O Marías de Manuel María Cunha venceu na clase J80, e o Silleiro, con Santi Meigide á cabeza, na clase Fígaro.
s



