
O artista e intelectual realizou os tres grandes lenzos pouco despois de sufrir o desprendemento de retina que o deixaría parcialmente cego do ollo dereito
O tríptico dos cegos é a peza destacada do mes de marzo do sitio web que a Real Academia Galega lle dedica a Castelao (Rianxo, 1886 – Buenos Aires, 1950) cadrando cos 75 anos do seu pasamento. A directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve, comenta a obra monumental pertencente á colección da RAG que se exhibe no Edificio Castelao do museo provincial. A achega da conservadora acompáñase dunha galería de imaxes que ilustra a importancia da figura dos cegos na obra do artista e intelectual.
Enrique Peinador encargoulle a Afonso Daniel Rodríguez Castelao en 1913 uns lenzos monumentais para instalar no edificio La Baranda do hotel balneario de Mondariz. A escolla do tema estivo condicionada polo desprendemento de retina que lle provocaría ao creador unha cegueira parcial no ollo dereito, pero os cegos xa aparecían como protagonistas nalgunhas das súas obras costumistas iniciais. E adquiriron maior importancia nas que expuxo en Madrid en 1912, baixo «unha indubidable influencia estética e literaria de Valle-Inclán», apunta Ángeles Tilve.
Os cegos convertéronse en símbolos cos que expresar a crítica social que tanto caracteriza a produción do creador. «A simple vista parecen caricaturas, pero que non fan rir, en realidade fan pensar e sentir emocións. Son alegorías morais coas que Castelao abandona definitivamente o rexionalismo pintoresco e humorístico dos seus primeiros traballos para, desde a sátira e baixo a influencia do modernismo estético da “España negra”, representar os que el chamaba “cegos de oficio”», analiza a especialista. «Un colectivo marxinal que vaga polos camiños, aldeas e romarías e que, como exemplo da miseria e da aceptación pícara da existencia, o artista converterá, desde a súa preocupación polo social, en figuras arquetípicas e simbólicas de Galicia e serán recorrentes ao longo de toda a súa produción», prosegue.
Castelao rematou o tríptico dos cegos en xaneiro de 1915. Á Real Academia Galega chegou en depósito de Augas de Mondariz e Hijos de Peinador S.A. en 1964. Nove anos despois a empresa efectuou a doazón definitiva. Dende o ano 2011 exhíbese nunha das salas dedicadas ao autor do Museo de Pontevedra, onde se atopa en depósito.




