spot_img
InicioPontevedra e ÁreaO sector vitivinícola acada a segunda colleita máis abundante da historia con...

O sector vitivinícola acada a segunda colleita máis abundante da historia con 64 millóns de quilos de uva

O sector vitivinícola acada a segunda colleita máis abundante da historia con 64 millóns de quilos de uvaO sector vitivinícola acada a segunda colleita máis abundante da historia con 64 millóns de quilos de uva

Tras coñecer o informe sobre o balance da vendima deste ano, o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou que as cinco denominacións de orixe recolleron máis de 64 millóns de quilos de uva de moi boa calidade en xeral do que: o 83,5% corresponde a variedades brancas (máis de 53 millóns de quilos) e o 16,5% a variedades tintas (máis de 10 millóns de quilos). Unhas cifras que sitúan a vendima de 2018 como a segunda máis abondosa da historia, só por detrás da vendima de 2011; e colócase un 9,7 % por riba da media do decenio 2009-2018.

Rías Baixas segue a ser a denominación que máis uva recolle (60%), seguida do Ribeiro (14%), Ribeira Sacra (case o 10%), Valdeorras (7%) e Monterrei (case o 9%)

Por denominacións de orixe, Feijóo explicou que Rías Baixas foi a que máis uva recolleu (o 60 %), seguida polo Ribeiro (14 %), Ribeira Sacra (case o 10 %), Valdeorras (7 %) e Monterrei (case o 9%).

Logo de subliñar que a produción de uva foi superior nun 4,3 %, con respecto ao ano anterior, pasándose de 61 millóns de quilos a 64 millóns, o presidente da Xunta precisou que Rías Baixas segue liderando, desde hai algo máis dunha década, o baremo de produción.

E, no que respecta ás variedades, aquelas de cultivo tradicional, potencialmente produtoras de viño de calidade, seguen ocupando un peso fundamental no conxunto da vendima: a albariña representa un 71 % da uva branca total; a treixadura e o godello supoñen, respectivamente, máis dun 10 % da uva branca total; e a mencía comprende case o 80% da uva tinta total.

Tras a D.O. das Rías Baixas atópase a do Ribeiro, a segunda en canto a volume colleitado (case 9 millóns de quilos de uva). E a terceira denominación que máis uva recolleu é a de Ribeira Sacra, con máis de 6 millóns de quilos de uva; unha cantidade que supón case un 12% máis que o ano pasado e un 9,5% por riba da media do período 2009-2018.

A D.O. Valdeorras tamén aumentou a súa produción este ano, ao recoller máis de 4 millóns de quilos de uva. E a D.O. Monterrei, que recolleu máis de 5 millóns de quilos de uva, experimentou o maior incremento –case un 94 % con respecto ao ano anterior- e, de feito, esta colleita representa un 173 % da media das colleitas dos últimos dez anos.

En total, na vendima deste ano, participaron un total de 447 adegas e máis de 10.300 viticultores.

Feijóo concluíu lembrando que as cinco denominacións de orixe comercializaron na última campaña máis dun 7 % de viño cualificado que na anterior. E, na campaña 2016-2017, comercializaron no mercado exterior case 78.000 hectolitros, un 18,2% da produción total comercializada, o que supón un valor económico de case 40 millóns de euros.

- Publicidade -spot_img