Inicio Latinoamérica O Secretario Xeral de Emigración preside en Montevideo a reunión preparatoria do...

O Secretario Xeral de Emigración preside en Montevideo a reunión preparatoria do programa ‘Reencontros na Terra’

Secretario-Xeral-Emigración-preside-Montevideo-reunión-preparatoria-programa-Reencontros-Terra

Antonio Rodríguez Miranda, inicia hoxe unha nova viaxe pola República Oriental do Uruguai, co obxectivo de participar en diversas actividades institucionais e coñecer persoalmente a situación e novidades das comunidades galegas asentadas naquel país.

O secretario xeral da Emigración tamén estará presente na imposición da Medalla de Honra da Emigración a tres ex directivos de entidades da diáspora

O secretario xeral da Emigración asiste hoxe, nesta primeira xornada de viaxe, á xuntanza coa directiva da Unión Federación de Sociedades Galegas de Montevideo, entidade coa que coñecerá a actualidade da importante diáspora galega na capital e no resto do país, onde residen arestora, segundo os últimos datos do INE, 40.505 galegas e galegos, dos que tres cuartas partes naceron xa no país de acollida. Nesta xuntanza, como no resto das actividades da axenda do secretario xeral, estará presente o conselleiro de Emprego e Seguridade Social da Embaixada de España en Uruguai, Andrés González Murga.

Miranda tamén presidirá –aínda nesta xornada de martes- a reunión preparatoria do programa ‘Reencontros na Terra’, que desenvolve a Secretaría Xeral da Emigración durante o mes de outubro, e polo que cada ano en torno a centenar e medio persoas galegas maiores residentes en distintos países de América poden beneficiarse dunha estadía de quince días en residencias dependentes da Consellería de Traballo e Benestar, e ata dous meses e medio máis en casas de familiares.

Reencontros
A finalidade desta iniciativa da Xunta é que as persoas participantes redescubran as súas raíces, tanto de tipo cultural, social, como sobre todo familiar, poñéndose en contacto coa realidade do seu país de orixe e propiciando actividades que posibiliten o coñecemento da Galicia actual, o encontro coas súas propias familias e o intercambio de experiencias entre eles e elas.

O programa desenvólvese ao longo de tres meses, con dúas fases diferenciadas. A primeira delas consiste nunha estadía de dúas semanas, na Residencia de Tempo Libre do Carballiño, en réxime de pensión completa, levando a cabo actividades recreativas e culturais axeitadas ás persoas participantes, e con excursións, en transporte colectivo, a distintos lugares da Comunidade autónoma para un mellor coñecemento da Galicia de hoxe en día, entre os que destaca unha visita a Santiago de Compostela con percorrido pola cidade monumental e recepción institucional.

A segunda fase consiste nunha estadía xunto as súas familias de Galicia, coas que poden permanecer ata completaren un tempo máximo de tres meses. Trátase dun complemento á estadía “oficial” que supón para moitas das persoas beneficiarias unha oportunidade única de volveren a atopar as súas profundas raíces persoais e redescubriren as ligazóns familiares deixadas atrás, pero non por iso esquecidas.

Mañá mércores
Xa na xornada de mañá mércores, Miranda acode á Embaixada de España canda outras autoridades nacionais e locais, á sinatura dun acordo de complementariedade de servizos entre dúas das entidades que prestan servizos nos ámbitos social e sanitario entre a diáspora residente en Uruguai.

Esta xornada de mércores completarase coa inauguración dunha exposición sobre a Emigración española no Museo das Migracións, no centro de Montevideo, co gallo da cal entregaranse as medallas de Honra da Emigración, na súa categoría de ouro, a tres persoas ben coñecidas e recoñecidas polas amplas diásporas galega e española no Uruguai: José Arijón Rama (ex presidente de Casa de Galicia), José María García Álvarez (ex presidente da Asociación Española Primera de Socorros Mútuos), e José Manuel Mouriño (ex presidente de Hogar Español).
 

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

SÍGUENOS

38FansGóstame
271SeguidoresSeguir

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies