O salón de plenos municipal de Baiona acolleu este luns un pleno infantil no que participaron 45 alumnos do curso de 5º e 6º de Primaria do C.E. P. Sabarís.
O alcalde, Angel Rodal e a concelleira de Educación, Beatriz González, deron a benvida ao alumnado ás dependencias municipais e explicáronlles o funcionamento dunha sesión plenaria.
Os nenos e nenas do C.E. P. Sabarís elixiron a un alumno como Alcalde e a outros compañeiros como representantes da oposición para logo cada un deles elixir os membros do seu equipo. Tamén nomearon a unha secretaria e a unha interventora para levar a cabo un pleno real entre eles.
O resto de alumnado xogou o papel de público. O alumno/alcalde elevou unha proposta a este peculiar pleno infantil e o resto de nenas e nenos que formaban parte da corporación expuxeron os seus argumentos a favor e en contra.
Finalizadas as intervencións, Rodal e González felicitaron aos nenos e nenas polo bo traballo realizado, pero, sobre todo, quixeron mostrar a súa satisfacción ante o talente e a capacidade de dialogo do alumnado. Tamén neste sentido, a concelleira de Educación dixo sentirse “emocionada pola claridade de ideas que mostrastes sobre temas relativos á educación e ao voso centro de estudos”.
A última parte do pleno foi para as preguntas onde novamente os pequenos deron renda solta á súa imaxinación. O obxectivo desta actividade coordinada pola Concellería de Educación e a dirección do centro é que, ademais de mostrar as dependencias municipais, con esta actividade os escolares familiarízanse dunha maneira divertida coa política municipal, que é a que máis lles pode afectar.
Rodal e González asistiron ao pleno e afirmaron estar moi atentos as propostas, aínda que moitas delas eran moi “ fantasiosas”. Ao longo do mes de xuño o Concello recibirán a máis alumnado dos diferentes centros de educación primaria de Baiona. Outros centros deixaron para o mes de outubro esta bonita actividade coordinada entre a Concellería de Educación e a dirección dos centros de educación primaria.



