spot_img
InicioGaliciaO programa 'Ler conta moito' abre a convocatoria pública para configurar o...

O programa ‘Ler conta moito’ abre a convocatoria pública para configurar o catálogo de actividades da súa nova edición

-programa-ler-conta-moito-abre-a-convocatoria-publica-para-configurar-o-catalogo-de-actividades-da-sua-nova-edicion

O programa de dinamización do libro e da lectura ‘Ler conta moito’ abre unha nova convocatoria pública para configurar o seu catálogo de actividades de 2016. Logo de promover este ano a realización de preto de 800 actuacións en centros da Rede de Bibliotecas de Galicia, o programa pon en marcha unha nova edición, a cuarta, para o que convoca a presentación de ofertas por parte dos profesionais ou colectivos con experiencia neste ámbito que desexen participar no programa, de acordo cos requirimentos establecidos nas bases.

A partir das propostas recibidas, que se poderán presentar ata o vindeiro 17 de decembro, unha comisión de valoración realizará a selección das propostas presentadas para actualizar e renovar o catálogo deste programa, promovido pola Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura e Educación en colaboración cos concellos. Estas actividades poranse ao dispor da Rede de Bibliotecas Públicas como recurso para a elaboración da súa programación anual de difusión cultural e fomento da lectura.

Música, danza, audiovisual e teatro para promover a lectura
As actividades de promoción da lectura que se oferten para os diferentes públicos –bebés, nenos e nenas, mocidade, adultos ou colectivos con necesidades especiais– deben axustarse a algunha das categorías que se establecen na convocatoria, entre as que se inclúen obradoiros creativos, de escritura, banda deseñada, audiovisual, oralidade, encadernación etc; actividades baseadas na narración oral, como contacontos, recitais poéticos e regueifas; actividades para a divulgación do coñecemento, a través de charlas, encontros con autores e autoras, ciclos temáticos etc.; iniciativas audiovisuais, como proxeccións, audicións, propostas sobre a videocreación e ciclos arredor do cine; exposicións, actividades de dinamización con música, teatro e danza; e itinerarios guiados, para descubrir escenarios literarios e espazos históricos.

Promover o interese polo recursos das bibliotecas
De acordo coa convocatoria, as propostas, que se desenvolverán en galego, deben establecer relación directa e explícita cos fondos da biblioteca (libros, música, publicacións periódicas, audiovisuais etc.) para favorecer o interese dos participantes nas actividades polos recursos que ofrece a biblioteca.

Cada ofertante poderá presentar un máximo de dúas actividades, cun custo máximo por cada unha delas de 500 euros, que será financiado pola Secretaría Xeral de Cultura (75%) e polas entidades locais con bibliotecas integradas na o 25% restante corre a cargo das entidades locais con bibliotecas integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia que se adhiran ao programa (25%).

O formulario electrónico para a presentación de solicitudes está accesible na páxina da Rede de Bibliotecas de Galicia,www.rbgalicia.xunta.es

Últimas actividades de 2015
A programación deste ano de Ler conta moito despídese este mes con actividades na cidade herculina e na capital de Galicia. A Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés será o escenario, o sábado 12 de decembro, ás 18:00 horas, de ‘Pura palabra’, na que Soledad Felloza convidará os nenos e nenas de entre 4 e 12 anos a percorrer o mundo a través das palabras. O centro coruñés tamén acollerá o sábado 19 a actividade ‘Por que é salgada a auga do mar?’, na que os Quinquilláns levarán de expedición os nenos e nenas de 3 a 12 anos para coñecer, a través da música, da danza e do teatro, como viven os habitantes dos fondos mariños.

Finalmente, o xoves 17 de decembro, o programa Ler conta moito ofrecerá na Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, ás 18:30 horas, o obradoiro de banda deseñada ‘Coñécete a través dos cadriños’, dirixido polo ilustrador Xosé Tomás, e no que as persoas que participen terán ocasión de crear en viñetas a súa propia historia, con personaxes baseadas na súa contorna.

Todas as actividades do programa son difundidas a través da rede no blog Ler conta moito, enhttp://blogs.xunta.es/lercontamoito/, e da Axenda de Cultura de Galicia, en cultura.gal

- Publicidade -spot_img