spot_img
InicioBaixo MiñoA GuardaO pregón ofrecido pola Orquestra Olympus e o Festival Folclórico marcan o...

O pregón ofrecido pola Orquestra Olympus e o Festival Folclórico marcan o comezo das Festas do Monte da Guarda

o-pregon-ofrecido-pola-orquestra-olympus-e-o-festival-folclorico-marcan-o-comezo-das-festas-do-monte-da-guarda

As festas grandes da Guarda, as recoñecidas Festas do Monte, deron comezo onte, luns día 8 de agosto, coa lectura do pregón e un Festival Folclórico que abarrotaron o Auditorio de San Benito.

Esta primeira xornada das festas máis coñecidas da vila tivo unha clara protagonista: a orquestra Olympus. Irene, Fernando, Javi Mota e Peque, integrantes desta, foron os encargados de ofrecer o pregón nun acto que serviu para dar o pistoletazo de saída á semana de celebracións e que incluíu tamén un Festival Folclórico con diversas actuacións de grupos tradicionais da Guarda.

O acto, conducido pola concelleira de Cultura do Concello da Guarda, Elena Baz, contou coa presencia de numerosas autoridades que non quixeron perderse esta xornada tan especial. Ademais dos concelleiros membros da corporación e do alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz, tamén contaron coa presencia da Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva e a Secretaria Xeral de Turismo da Xunta de Galicia, María Nava Castro.

Cara ás 20 horas daba comezo o evento coa actuación de parte dos grupos de música e baile tradicional alí presentes, para ir quentando motores. Tras estas actuacións interviu o coordinador das Festas do Monte, Manuel Castro, para saudar e dar a benvida a autoridades, veciños, veciñas e visitantes. Despois foi a quenda do alcalde da Guarda, quen quixo destacar a importancia dunha festa de máis de 100 anos de tradición e da posibilidade de facer desta unha Festa de Interese Turístico a nivel nacional, pois xa o é a nivel galego. Afirmou que razóns non faltan, xa que é moi diferente doutras celebracións pois é unha festa do pobo, que nace deste e grazas a este, un Patrimonio Inmaterial da Guarda.

Tamén quixeron adicar unhas verbas ós presentes a presidenta da Deputación e  Secretaria Xeral de Turismo da Xunta de Galicia. A primeira destacou que o verdadeiro patrimonio inmaterial da vila son os guardeses e as guardesas que aman á Guarda, ó Monte Santa Trega e estas festas. Pola súa parte Nava Castro falou da importancia do Monte Santa Trega á hora de atraer turistas a Galicia.

Despois destas palabras das autoridades chegou a quenda dos pregoeiros, os membros da orquestra Olympus. Estes afirmaron que non necesitaron estudar para o pregón, xa que todos eles coñecían ben esta festa, de sona en toda a xeografía galega. O pregón estivo cheo de humor e anécdotas dos cantantes na súa experiencia con esta festa. Para rematar ofreceron unha canción cuxa letra crearon eles mesmos especialmente para esta ocasión, facendo referencia ás marabillas da festa e da vila da Guarda.

Tras o pregón continuaron as actuacións de grupos tradicionais como parte do Festival Folclórico que acompañou ao acto do pregón. Pasadas as 22 horas da noite a concelleira de Cultura puxo fin ó acto co “Que vivan as Festas do Monte” que corearon a voz en grito todos os presentes, que a continuación marcharon, na maioría dos casos a cear e coller forzas para despois dirixirse á Alameda onde tivo lugar a verbena ao cargo da propia Olympus e da orquestra Alaska.

Deu comezo así  a semana grande da Guarda, 7 días de troula, numerosas actividades e moita música que rematarán o vindeiro luns día 15 cos tradicionais fogos artificiais.

- Publicidade -spot_img