spot_img
InicioVigo e áreaMosO Pazo de Mos acolle a presentación de dúas iniciativas das Palilleiras...

O Pazo de Mos acolle a presentación de dúas iniciativas das Palilleiras mosenses para poñer en valor o encaixe no Camiño

O Pazo de Mos acolleu a presentación de dúas iniciativas das Palilleiras mosenses para poñer en valor o encaixe no CamiñoTrátase da mostra de pezas de Ana Rosa Lista Sebe titulada ‘O Camiño do Encaixe’ e o desfile e concurso de deseñadores noveis ‘DESFILAMOS’ que terá lugar o vindeiro 28 de agosto

Esta mañá tivo lugar no Pazo de Mos a presentación da exposición ‘O Camiño do Encaixe’ e do desfile ’DESFILAMOS’ que organiza a Asociación de Palilleiras de Mos. No acto estiveron presentes a artista do encaixe de bolillos, autora de todas as pezas da mostra, Ana Rosa Lista Sebe, xunto con Montserrat Pereira Troitiño, presidenta da Asociación de Palilleiras de Mos, Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, Marta Fernández-Tapias, delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Sara Cebreiro, concelleira de Participación Cidadá e Cultura e Turismo mosense, e demais membros da Corporación Municipal do Concello de Mos.

O Pazo de Mos acolleu a presentación de dúas iniciativas das Palilleiras mosenses para poñer en valor o encaixe no Camiño

Ambas iniciativas, a exposición aberta ao público desde hoxe ata o 11 de setembro (no Pazo de Mos en horario de 16.00 a 20.00 horas) e o desfile e concurso programados para o vindeiro 28 de agosto, enmárcanse dentro dunha proposta da Asociación de Palilleiras de Mos para o programa “O Teu Xacobeo” da Xunta de Galicia.

Nas súas pezas a artesá galega, Ana Rosa Lista Sebe, vencella a arte de palillar co patrimonio cultural e artístico dos Camiños de Santiago a través da simboloxía e dos edificios emblemáticos que transcorren polas rutas xacobeas.

O programa inclúe tamén a celebración de dous obradoiros, “Os Camiños do Encaixe I e II”, que serán impartidos por Lista Sebe os días 18 e 19 de setembro, dirixidos a todos aqueles que queiran ben iniciarse nesta arte ou especializarse e que terán lugar no Pazo dos Marqueses de Mos.

Asemade, o 28 de agosto na contorna do Pazo de Mos celebrarase un desfile con prendas do Concurso de Noveis Deseñadores convocado tamén para esa mesma data, e coa presenza tamén de pezas de deseño de varias firmas galegas de moda.

O programa autonómico “O Teu Xacobeo” financia estas iniciativas das Palilleiras de Mos con motivo do Ano Santo, e co obxectivo de impulsar a vertente artística, tradicional e cultural do municipio, pero tamén para ser un revulsivo para a recuperación turística da zona tras as consecuencias da crise sanitaria da COVID-19.

- Publicidade -spot_img