O delegado territorial da Delegación da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, participou na inauguración do obradoiro de emprego “Descubre Tui 2015”, acompañado do alcalde da localidade, Enrique Cabaleiro.
O obradoiro terá unha duración de seis meses e a Xunta investirá nel case 180.000 euros, “que xunto a aportación económica do concello para material e equipamento superarán os 200.000 euros”, segundo explicou Cores Tourís. O obxectivo destes cursos é preparar a 20 alumnos, aos que haberá que sumar o persoal contratado para dar formación en deseño de produtos gráficos e promoción turística local e información ao visitante.
O delegado territorial da Delegación da Xunta en Pontevedra mostrou a súa satisfacción por poder inaugurar esta iniciativa que ten “un obxectivo claro, dar formación a persoas desempregadas de cara a que logren reinsertarse laboralmente. Non podemos esquecer ademais”, engadiu José Manuel Cores Tourís, “que en total son 25 as persoas que grazas a estes obradoiros, obteñen un posto de traballo, uns formándose e outros formando”, en relación á directora, á titora, os dous docentes dos cursos e á administrativa. No proceso selectivo contaron con vantaxe as mulleres e os parados de longa duración.
De feito, as persoas desempregadas participantes como alumnado traballador percibirán o Salario Mínimo Interprofesional, 641,40 euros ao mes durante os meses que durarán estes proxectos. En deseño de produtos gráficos formaranse 10 alumnos, dos cales 4 son homes e 6, mulleres, e en promoción turística local e información ao visitante outros 10, neste caso todas mulleres.
O alumnado traballará durante os próximos seis meses tanto deseñando e implementando contidos gráficos e multimedia nas áreas culturais e turísticas no concello como elaborando unha guía de recursos turísticos do Concello de Tui e accións de difusión dos recursos naturais, patrimoniais e etnográficos propios.
José Manuel Cores Tourís aproveitou a visita ao obradoiro de Tui para destacar o “manifesto claro de colaboración institucional da Xunta coas entidades locais para intentar que o obradoiros de emprego teñan continuidade na creación de postos de traballo no futuro”.
De feito, recordou que a actual Xunta de Galicia investiu neste tipo de iniciativas en Tui case 700.000 euros dende 2009.
Pola súa banda, o alcalde, Enrique Cabaleiro, agradeceu a visita do delegado territorial a estas instalacións e destacou a importancia de que a Xunta “depositara a súa confianza no noso concello para por en marcha este proxecto que permite formar a desempregados do municipio durante 6 meses e finalmente, formalos para poder optar a un posto de emprego no futuro”.
Cores Tourís animou aos alumnos a formarse e a traballar de cara a potenciación do turismo deste concello “xa que estamos a falar dun municipio cun importante casco histórico e punto de partida en Galicia do Camiño Portugués, un camiño que está a rozar récord de peregrinos, agardando que se chegue este ano aos 40.000, o que ven a evidenciar a importante labor de promoción desta vía que está a realizar o Goberno de Núñez Feijoo”.
Obradoiros como o de Tui desenvolveranse nos próximos meses en varios concellos da provincia de Pontevedra. “En concreto, na provincia de Pontevedra, investiranse 3,2 millóns de euros para a posta en marcha destes cursos de formación que beneficiarán a case 500 persoas entre alumnos e profesores, en 20 obradoiros en outros tantos concellos (xa que algúns obradoiros realízanse entre varios concellos), 2 mancomunidades e a Deputación de Pontevedra”, finalizou Cores Tourís.
En toda Galicia, a Consellería de Traballo e Benestar destinará un investimento de preto de 10 millóns de euros para realizar obradoiros de emprego, aos que se suman outros 5 millóns para obradoiros destinados á mocidade.




