spot_img
InicioVal MiñorNigránO Nigránjazz volverá a reunir na Foz o 30 e 31 de...

O Nigránjazz volverá a reunir na Foz o 30 e 31 de xullo aos artistas nacionais e internacionais con maior proxección mundial

O Nigránjazz volverá a reunir na Foz o 30 e 31 de xullo aos artistas nacionais e internacionais con maior proxección mundialOnce músicos galegos entre os que sobresae o aclamado pianista Iago Vázquez, seis nacionais co trompetista canario Natanael Ramos á cabeza e a Focusyear Band suíza formada por oito músicos de todo o planeta lideran o programa deste ano

O festival Nigranjazz, organizado polo Concello de Nigrán e co apoio da Deputación de Pontevedra, volverá a reunir na súa décimoquinta edición o 30 e 31 de xullo no esteiro de A Foz (A Ramallosa) aos músicos nacionais e internacionais con maior proxección planetaria nun ano marcado novamente polas limitacións da pandemia. Nesta cita, como novidade, Porto do Molle será o escenario da xa tradicional master-class e das jam-sessions, que por vez primeira serán en sesión vermú e no Espacio Gastronómico Mollo. A entrada, como sempre, é de balde, pero deberá limitarse ao aforo e normas marcadas pola regulación sanitaria dese intre. As mochilas vibratorias do Concello de Nigrán estarán dispoñibles para toda aquela persoa xorda que o solicite previamente a comunicacion@nigran.org

“É unha edición marcada todavía pola pandemia, tanto en restricións como en posibilidade de traer a músicos de fora, pero pese a todo conseguimos manter o nivel de excelencia”, explica o director, Felipe Villar. Deste xeito, once músicos galegos entre os que sobresae o aclamado pianista Iago Vázquez, seis nacionais co trompetista canario Natanael Ramos á cabeza e a Focusyear Band suíza formada por oito músicos de todo o mundo lideran a programación, presentada hoxe oficialmente xunto co propio cartel, resultado do certame ‘Quin Alborés’ no que se recibiron 176 propostas de todo o mundo, sendo o gañador o deseñador gráfico de Sabarís David Sierra, presente tamén no acto xunto con Iago Vázquez.

O Nigránjazz volverá a reunir na Foz o 30 e 31 de xullo aos artistas nacionais e internacionais con maior proxección mundial

“Sendo eu edil de Cultura no 2007 apostamos desde o Concello polo Nigranjazz contando co apoio incondicional de Felipe Villar e Quin Alborés, así que estou especialmente orgulloso destes 15 anos consecutivos nos que o festival se convertíu nun referente do noroeste peninsular e nun dos máis antigos de Galicia en canto a jazz se refire”, destaca o alcalde, Juan González.

O baionés David Sierra, deseñador gráfico orixinario de Sabarís, gañou o concurso de carteis na edición con maior participación ata a data e máis internacional ao reunir 176 propostas de todo o mundo

Ao igual que no 2020, esta nova edición estará especialmente consagrada aos músicos nacionais e galegos, algo xa tradicional porque sempre se mesturaron en formacións ex-profeso con outros artistas internacionais pero que este ano é máis patente todavía ante a dificultade de contratar artistas de EEUU . Así, Ombra de Lúa, cuarteto liderado por Jordi Gaspar ao baixo e Rubén Fernández á voz con Xosé Miguelez ao saxo tenor e Max Gómez á batería, abrirán o festival o venres 30 ás 21:00 horas. Ás 22:30 horas será a actuación estelar do trompetista canario Natanael Ramos, un dos músicos máis versátiles e emerxentes de Europa, que sumará á formación a dous dos máis recoñecidos músicos galegos, Virxilio Da Silva á guitarra e Xan Campos ao piano, adicionalmente contará con Esther Van Hees á voz, Matt Adomeit ao contrabaixo e Pit Dahm á batería. Xa o sábado 31 será o turno da Focus Year Band, formada por oito músicos de todo o mundo becados no programa educativo suízo Focusyear, proxecto anual adicado a acadar a excelencia musical mediante a tutorización dos mellores maestros internacionais. A continuación, ás 22:30 horas, pechará o festival o pianista galego máis internacional, o vigués Iago Vázquez, residente en New York desde que no 2008 fose becado por The New School for Jazz Music graduándose con Honores. Vázquez tocará co xaponés Masa Kamaguchi ao contrabaixo e o italiano Luca Santaniello á batería.

Finalmente, as jam-sessions do 30 e 31 serán por vez primeira en sesión vermú ás 13:00 horas en Mollo Espacio Gastronómico (Porto do Molle) e as abrirán músicos emerxentes da escena local. A tradicional master-class para todos os afeccionados ao jazz será tamén no Centro de Negocios de Porto do Molle o sábado 31 ás 11:00 horas a cargo de Focus Year Band, abríndose próximamente o prazo de inscrición, que será anunciado convintemente.

“Pese a todas as dificultades deste ano, incluso máis grandes que o pasado á hora de contratar,  o Nigranjazz ofrece novamente a oportunidade de gozar de artistas que difícilmente veñen ao noroeste peninsular e de actuacións únicas porque son formacións feitas para esta ocasión”, resume o seu director.

O Nigranjazz,  desenvolvido a través de ACentralFolque,  conta como colaboradores con Cervezas Alhambra, a Sociedad de Artistas Intérpretes o Ejecutantes de España (AIE), Mollo, Gadis, a Fundación Mayeusis e Rodosa .

BREVE HISTORIA  DO FESTIVAL

O Nigranjazz, festival señeiro do Concello de Nigrán, cumpre 13 anos sendo o máis lonxevo organizado dende o consistorio e o único adicado ao jazz  de toda a comarca do Val Miñor. Actualmente está considerado entre músicos, afeccionados e prensa especializada como un dos mellores do noroeste peninsular debido á calidade dos artistas que nel participan. A diferenza doutros festivais,  aposta por un jazz puro, lonxano das vangardas. Sempre con entrada gratuíta, celébrase no espazo clasificado na Rede Natura do esteiro de A Foz, na Ramallosa, dende que en 2007 o impulsasen veciños de Nigrán entusiastas desta música, manténdose activos na organización co músico Felipe Villar á cabeza. Dende entón, conseguiuse achegar a Nigrán a algúns dos mellores artistas a nivel internacional, por el desfilaron, entre outros, Peter Bernstein, Gilad Hekselman, Bill McHenry, Jorge Rossy, Marteen Hogenhuis, Joe Martin, Chris Cheek, Kurt Rosenwinkel…  Pero non hai que esquecer que o festival é tamén un espazo para os cada vez máis e mellores músicos de jazz galegos, así, é xa tradición que se integren nas formacións internacionais músicos locais, compoñendo agrupacións en exclusiva para o evento e dando a oportunidade aos músicos de aquí de presentar os seus traballos. Compre destacar que o Nigranjazz outorga tamén especial relevancia á relación galaico-portuguesa, consagrando algunha edición unicamente a elo e invitando sempre a artistas lusos a participar.

- Publicidade -spot_img