As salas de exposición da planta baixa do Museo de Arte Contemporánea de Vigo acolle ata o 27 de febreiro de 2022 a exposición “Containers” de Manuel Quintana Martelo e que está comisariada por Juan Manuel Bonet
Na inauguración estiveron presentes Miguel Fernández-Cid, director do MARCO; Juan Manuel Bonet, comisario da exposición; Manuel Quintana Martelo, artista e Abel Caballero, alcalde de Vigo e presidente da Fundación MARCO
Rematada a presentación realizouse unha visita ás salas de exposición na compaña do artista e do comisario.
Esta exposición reúne por vez primeira a serie Containers, practicamente inédita, na que Manuel Quintana Martelo (Roxos, Santiago de Compostela, 1946) leva traballando sen interrupción dende 2012.
Durante os últimos sete anos, Quintana Martelo centrouse nunha serie de cadros nos que o motivo, o punto de partida, a escusa, son os contedores que atopa nas cidades que visita. Todos teñen un trazo común que consegue chamar a atención: inicialmente, unha presenza escultórica definida, unha composición atractiva e un impacto visual. A serie está baseada nun conxunto de contedores, tratados como presenzas escultóricas, pero tamén como bodegóns urbanos.
Xunto aos cadros da serie, que se exhiben en diferentes formatos, a mostra inclúe bosquexos preparatorios, debuxos e acuarelas de grande escala, de forma que a montaxe no seu conxunto permite coñecer en detalle o modo de traballar do artista, e a súa resposta ante distintos soportes.
Esta mostra, producida polo MARCO, supón a primeira exposición individual de Quintana Martelo en Vigo dende 2003, e unha vez finalizada viaxará á Sala Rekalde (Bilbao, Deputación Foral de Bizkaia), onde se exhibirá a partir do mes de marzo de 2022, como resultado dunha frutífera colaboración entre ambas as dúas institucións.
Sobre o artista
Manuel Quintana Martelo (Roxos, Santiago de Compostela, 1946) inicia a súa traxectoria artística nos anos setenta, marcada por un forte compromiso social. Licenciado na Escola Superior de Belas Artes de Sant Jordi en Barcelona, pronto a súa obra evoluciona cara a rexistros procesuais de correntes urbanas e expresionistas .
Participante no movemento Atlántica na década dos oitenta, nos noventa instálase en Nova York, onde exporá con éxito a súa obra, así como en Caracas, Miami, e Oporto. Profesor no instituto Xelmírez de Santiago de Compostela, onde tamén foi director, abandona a actividade docente para centrarse con maior intensidade na súa produción artística.
Estivo á fronte da Asociación de Artistas Visuais de Galicia, facéndose cargo posteriormente da Real Academia Galega de Belas Artes. A súa obra foi protagonista dunha retrospectiva no Auditorio de Galicia (2007), dunha monográfica na Deputación de A Coruña (2010), e dunha exposición individual no Kiosko Alfonso de A Coruña (2011). En 2012 recibe o Premio da Cultura Galega na categoría de Artes Plásticas.
Dende 2010 realiza obras escultóricas, trasladando as formas do lenzo á terceira dimensión. A súa propia figura, mesa e útiles de traballo incorpóranse ao soporte como parte da obra. A súa serie pictórica Containers, iniciada en 2012, é o punto de partida para a exposición producida polo MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, en 2021.
Sobre o comisario
Juan Manuel Bonet (París, 1953) é crítico de arte, museólogo, escritor, e comisario de exposicións no ámbito da pintura, a literatura e a música. Director do Instituto Cervantes (2017-2018) e do Instituto Cervantes de París (2012-2017), dirixiu o IVAM Instituto Valenciano de Arte Moderna (1995-2000) e o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía (2000-2005), e é presidente da Fundación Arquivo Rafael Cansinos Assens e do Comité Internacional da Fundación Vicente Huidobro.
Ademais de varios libros de poemas recentemente agrupados en Via Labirinto, e do dietario La ronda de los días, é autor de obras de referencia como Diccionario de las vanguardias en España: 1907-1936, ou Impresos de vanguardia en España: 1912-1936; e de edicións críticas de autores como Rafael Alberti, Max Aub, Salvador Dalí, José María Eguren e Rafael Lasso de la Vega; así como de monografías sobre Juan Gris, Ramón Gaya, Gerardo Rueda, Martín Chirino, Pelayo Ortega e Miguel Galano, entre outros.
Como comisario de exposicións, destacan as retrospectiva de artistas como Mariano Fortuny e Madrazo, Pablo Picasso, Juan Gris, Giorgio Morandi, Tarsila do Amaral, Henri Michaux, Henryk Stazewski, Francisco Bores, Juan Manuel Díaz-Caneja, Ramón Gaya, Eugenio Fernández Granell, Esteban Vicente, José Guerrero, Manolo Millares, Lucio Muñoz, Manuel H. Mompó, Julio López Hernández, Alex Katz ou Dis Berlin; fotógrafos como José Manuel Ballester, Javier Campano, Francesc Catalá Roca, Jesse Fernández, Bernard Plossu, Leopoldo Pomés, Josef Sudek; escritores como Max Aub, Julio Cortázar, Alfredo Gangotena, Ramón Gómez de la Serna, Tadeusz Peiper, Francisco Vighi; políticos como Juan Negrín; e compositores como Morton Feldman, ou Ricardo Viñes.





