spot_img
InicioAlto MinhoO MUMI 2023 abre as inscricións para artistas e profesionais de Galicia...

O MUMI 2023 abre as inscricións para artistas e profesionais de Galicia e Portugal

O MUMI 2023 abre as inscricións para artistas e profesionais de Galiza e PortugalA 4ª edición do Encontro Profesional de Músicas celebrarase do 21 ao 24 setembro na Eurocidade Tui-Valença

Revista COUSAS DE Nº17

Hoxe abre o prazo para inscribirse na vindeira edición do MUMI, o único mercado de música que existe no noso país, e que supón unha oportunidade de internacionalización para a música galega. A convocatoria para candidatar propostas de artistas e bandas galegas e portuguesas pecharase o 2 de xuño, mentres que as inscricións para profesionais permanecerán abertas ata as datas de celebración da feira. En ámbolos dous casos, a participación é gratuíta e a inscrición pode realizarase a través da web mumimusicas.eu. A organización seleccionará as propostas recibidas para configurar unha programación que voltará incluír showcases, palestras e sesións de traballo conxunto, co obxectivo de converter a Eurocidade Tui-Valença durante catro días no mercado musical de referencia no oeste peninsular.

Esta mañá presentouse en Tui a 4ª edición do MUMI, na que participaron o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González; o presidente e responsable de Cultura da Cámara Municipal de Valença, Jose Manuel Carpinteira; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil; a deputada de Cultura e Igualdade, Victoria Alonso; a concelleira de Cultura de Tui, Sonsoles Vicente; por parte da organización do M

UMI, Diana Martins e Ánxela Vila, representantes dun equipo organizador con estrutura en ambas beiras do Miño. Ánxela Vila presentou os detalles da convocatoria desta edición na que o obxectivo principal é “involucrar aínda máis o sector, facendo que o MUMI sexa un punto de encontro de referencia para marcar a axenda anual do traballo das empresas musicais galegas e portuguesas”. Neste sentido, a organización quere sumar máis profesionais das administracións públicas (Concellos, Deputacións, teatros…) e facelos partícipes da construción do sector.

Vila valorou moi positivamente a cantidade e sobre todo a gran calidade das propostas artísticas que participaron na convocatoria de showcases da edición anterior, “síntoma de que a música galega e portuguesa están vivindo un momento de moita creatividade e con alto potencial de expansión”. A representante do MUMI engadiu que “iso reafírmanos na necesidade de seguir reforzando este encontro, xa que vimos que tanto artistas como axencias queren e precisan abrirse aos mercados do territorio veciño”.

Diana Martins destacou que “o MUMI é neste momento o único mercado de música que existe en Galicia e no norte portugués, o que o converte nunha oportunidade de innumerables intercambios entre os dous territorios, tanto no ámbito musical como no económico, no patrimonial e no social”. Martins convidou a artistas, bandas, empresas de produción e management, axencias de booking, responsables de programacións musicais, profesionais da xestión cultural, persoal técnico dos departamentos de Cultura, xornalistas, festivais, salas de concertos… e en xeral a todas as persoas que fan parte da industria musical galega e portuguesa a participar nesta 4ª edición do Encontro Profesional de Músicas MUMI 2023 inscribíndose de forma gratuíta a través da web mumimusicas.eu.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, sinalou que “o MUMI é o máximo exponente das relacións en Galicia e Portugal, tanto no ámbito empresarial, como o comercial e por suposto o cultural”. Cabaleiro engadiu que o evento está plenamente consolidado na Eurocidade, e que agora entra nunha fase de crecemento para a que ofreceu o seu “compromiso de continuar traballando a prol da cultura no territorio transfronteirizo”.

Pola súa banda, Jose Manuel Carpinteira, presidente da Câmara Municipal de Valença, reiterouse neste apoio e manifestou o seu convencemento de que “esta edición do MUMI vai ser de novo un exemplo de cooperación transfronteiriza, non só no ámbito musical, senón polo espazo de múltiples intercambios económicos, culturais e sociais que é capaz de xerar a feira”.

O director da Agadic puxo de relevo “a necesidade que ten o sector cultural galego dun evento como o MUMI que permite a internacionalización da nosa cultura, con foco en Portugal e na lusofonía e cunha estratexia de colaboración público-privada que nace do sector e que nós apoiamos”. Neste sentido valorou o enorme interese deste mercado musical “non só polo negocio que vai xerar na industria musical, senón polos showcases e os concertos abertos ao público que serán unha mostra do altísimo nivel de propostas do noso país”.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, felicitou á organización e quixo destacar que o MUMI “é unha grande idea e unha referencia”, especialmente nun “momento único óptimo de creación e de talento musical como o que están a vivir tanto o sur de Galicia como o norte de Portugal“. A este respecto, subliñou que están xurdindo novas bandas e artistas e “estase intentando crear unha industria musical, tanto no territorio dun lado do Miño como doutro, e temos que aproveitar esas sinerxías“. “O MUMI –apuntou- é unha desas iniciativas concretas que nos permite non só mostrar a calidade musical de ambos lados do Miño, senón tamén apoderarnos como un gran territorio da música e da actividade musical. Creo que é un proxecto único en todos os territorios transfronteirizos de Europa. E que se faga en dous concellos como Tui e Valença, cun patrimonio, historia e paisaxes únicos, faino aínda máis atractivo“.

Inscricións para propostas artísticas
Para as bandas e artistas galegas e portuguesas interesadas en participar nos showcases, a convocatoria está aberta desde hoxe 11 de maio ata o 2 de xuño. Poderán presentarse todas as bandas ou artistas de Portugal e Galiza que teñan un proxecto musical de carácter profesional, independentemente do tipo de formación ou estilo. As propostas participantes serán escollidas por profesionais do sector, seguindo non só criterios de calidade, mais tamén de  viabilidade dentro dos obxectivos e características da feira. A organización negociará as condicións económicas con cada banda/artista, dependendo do número de integrantes, ofrecendo unha noite de aloxamento para as propostas seleccionadas e garantindo o equipamento técnico necesario para a correcta realización da actuación. As bandas e artistas deberán cumprir cos horarios e tempos indicados pola organización, e permitirán ao MUMi a captación de fotografías e gravación de vídeo, cedendo os dereitos deste material para uso unicamente promocional.

Inscricións profesionais
Para as empresas de produción e management, axencias de booking, responsables de programacións musicais, profesionais da xestión cultural, persoal técnico ddos departamentos de Cultura e xornalistas, as inscricións estarán abertas desde hoxe ata as datas de celebración do evento, onde terán a posibilidade de axendar encontros con profesionais e artistas e de asistir a todos os showcases, palestras e sesións de traballo.

Presentación do programa
A programación do encontro será presentada a finais de xuño e incluirá showcases e actividades profesionais, tanto formativas como rondas de negocio, e contará tamén con concertos abertos ao público xeral nos que participarán artistas de ambos territorios. En colaboración cos concellos de Tui e Valença, habilitaranse espazos emblemáticos de ambas cidades para acoller as diferentes propostas do programa co obxectivo de visibilizar non só a artistas e bandas, senón as posibilidades do traballo conxunto desta alianza estratéxica que é a Eurocidade Tui-Valença, e converter o MUMI nun espazo de coñecemento mutuo, oportunidades, sinerxías, traballo en rede e deseño de proxectos futuros.

A pasada edición, a feira reuniu a máis de 200 profesionais durante tres días nos que se programaron 20 showcases, seis faladoiros, máis de 150 speedmeetings, e un festival con bandas transfronteirizas.

- Publicidade -spot_img