spot_img
InicioVal MiñorBaionaO Monte Real de Baiona acolleu un ano máis a cerimonia de...

O Monte Real de Baiona acolleu un ano máis a cerimonia de entrega dos Premios Nacionais de Vela Terras Gauda

o-monte-real-de-baiona-acolleu-un-ano-mais-a-cerimonia-de-entrega-dos-premios-nacionais-de-vela-terras-gauda

O Monte Real Club de Yates de Baiona acolleu este sábado a cerimonia de entrega dos Premios Nacionais de Vela Terras Gauda 2015 – 2016

O Monte Real Club de Yates de Baiona acolleu un ano máis a cerimonia de entrega dos Premios Nacionais de Vela Terras Gauda, uns galardóns que recoñecen o traballo realizado por distintas persoas, empresas e institucións a favor do mundo da vela.

o-monte-real-de-baiona-acolleu-un-ano-mais-a-cerimonia-de-entrega-dos-premios-nacionais-de-vela-terras-gauda

As olímpicas Támara Echegoyen e Berta Betanzos, o paralímpico Arturo Montes, o canario Rayco Tabares ou ABANCA foron algúns dos galardoados

As olímpicas Támara Echegoyen e Berta Betanzos, campioas do mundo na clase 49erFX e diploma olímpico nos Xogos de Río 2016, levaron, sen dúbida, a gran ovación da noite. A ourensá e a cántabra recolleron o premio ao mellor equipo de regatas feminino da man do presidente de Adegas Terras Gauda, José María Fonseca Moretón, e do presidente do Monte Real Club de Yates, José Luis Álvarez, e levaron o aplauso do máis de medio milleiro de asistentes á gala. Fixeron subir tamén ao escenario ao seu adestrador, o budetense Pepe Lis, ao que dedicaron o seu premio por ser -dixeron- peza fundamental nos éxitos cultivados.

Outro dos olímpicos premiados esta noite en Baiona foi o sevillano Arturo Montes, ao que se lle outorgou o galardón ao mellor deportista paralímpico do ano. O regatista non puido asistir á gala por atoparse adestrando en Río, onde competirá dentro duns días na clase 2.4mR, e o presidente da comisión naval de regatas da Escola Naval Militar de Marín, Vicente Rubio, fíxolle entrega do premio ao delegado da clase 2.4mR, Luís de Mira, que o recolleu e agradeceu en nome de Monte.

Polo escenario da gala tamén pasou o armador catalán, Rafael Carbonell, que recibiu de mans do alcalde de Baiona, Ángel Rodal, e en nome de toda a súa tripulación, o premio ao mellor barco, o Rats on Fire, gañador de sete Trofeos Conde de Godó e catro Copas do Rey, ademais de varios campionatos de España e do Mundo.

O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, foi o encargado de entregar o Premio Nacional de Vela Terras Gauda ao mellor patrón, que recaeu en Rayco Tabares. O lanzaroteño, con apenas 32 anos, escribiu neste 2016 o seu nome na historia da vela en España ao conseguir o seu terceiro campionato do mundo da clase J80.

ABANCA e MARCA foron as dúas empresas distinguidas da noite. O banco galego recibiu o premio ao mellor patrocinador do ano polo seu compromiso coa vela de base, a través do apoio que presta a numerosas escolas de vela, clubs e organizacións relacionadas coa actividade náutica. O director de rede comercial de ABANCA, Gabriel González, recolleu o premio da man do secretario xeral para ou deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete.

O grupo de comunicación deportiva MARCA, líder indiscutible da prensa deportiva en España, levou Premio Mariano Aguado de Comunicación, que recolleu o subdirector do diario, Gerardo Riquelme. Os Premios Nacionais de Vela Terras Gauda deste ano quixeron recoñecer o traballo da cabeceira de Unidade Editorial para achegar as competicións e toda a actualidade da vela ás súas máis de dous millóns trescentos mil lectores.

o-monte-real-de-baiona-acolleu-un-ano-mais-a-cerimonia-de-entrega-dos-premios-nacionais-de-vela-terras-gauda

Os premiados levaron como trofeo unha reprodución do mastro de sinais do Monte Real que leva o nome do seu histórico presidente Rafael Olmedo

Todos os premiados recibiron como trofeo unha reprodución do mastro de sinais do Monte Real Club de Yates, que leva o nome do que foi presidente da entidade durante máis de corenta anos, Don Rafael Olmedo Limeses, falecido o pasado 2015 aos 99 anos de idade.

Ao finalizar a gala de entrega dos Premios Nacionais de Vela, patrocinada un ano máis por Adegas Terras Gauda, e tras unha cea mariñeira no Monte Real, os asistentes puideron gozar dunha festa con fogos artificiais.

- Publicidade -spot_img