spot_img
InicioVal MiñorNigránO mestre republicano de Parada, Sebastián Pena López, protagonista dunha conferencia de...

O mestre republicano de Parada, Sebastián Pena López, protagonista dunha conferencia de Carlos Méixome en Nigrán

o-mestre-republicano-de-parada-sebastian-pena-lopez-protagonista-dunha-conferencia-de-carlos-meixome-en-nigranFoi o prototipo de mestre da República e desenvolveu o seu traballo entre  Parada e Vilariño, sendo unha persoa comprometida e moi vinculada á sociedade agraria de Parada, polo que sufríu as consecuencias do franquismo

Revista Cousas de Nº23

O Concello de Nigrán continúa este venres 11 de outubro o ‘Mes da Memoria’ da man de Carlos Méixome, quen ofrecerá a charla ‘A represión no maxisterio no Val de Miñor: o caso de Sebastián Pena’ (Auditorio Municipal, 20:00 horas). O historiador, fundador do IEM e con moitas publicacións arredor da persecución franquista na comarca, desvelará ao público a figura do mestre de Parada e Vilariño, Sebastián Pena, natural de Tabeirós, moi comprometido coa República e quen pagou as consecuencias co desterro e suspensión de emprego e soldo. “O seu caso, lóxicamente, non trascendeu tanto como o do seu compañeiro na parroquia de Nigrán, José Vázquez Grela, quen foi asasinado o 12 de setembro de 1936 tras sacalo da escola en presenza do alumnado, pero merece ser tamén recoñecido e recordado”, considera o rexedor, Juan González, quen como historiador desvelou no seu libro ‘Nigrán. Memoria dunha guerra 1936-1939’ o caso de Grela, a quen como alcalde se lle adicou no 2018 un parque preto da súa escola.

“Sebastián Pena López, o mestre republicano de Parada, castigado polos sublevados, nada ten que ver co xefe dos represores no Val de Miñor, Manuel González Pena”, insiste Méixome ante a confusión xerada pola coincidencia dos seus apelidos

“A Sebastián Pena López poderiámolo considerar como o prototipo daqueles mestres que chegaron a converterse no símbolo da propia República. Activo na aula, comprometido na vida social e cultural”, explica Méixome, autor, entre outros, do libro ‘Catas na memoria. A persecución franquista no Val de Miñor’. “Dende a proclamación da República amosou o seu compromiso: encabezou, en Vigo, a ‘xunta civil de defensa dos poderes republicanos’ para evitar a parálise dunha administración baixo o control dos monárquicos; presidiu o consello escolar local; dinamizou as ‘misións pedagóxicas’ e desenvolveu unha intensa actividade cultural dende a sociedade agraria de Parada”, engade Méixome, quen o sitúa inicialmente no emilianismo-lerruxista (moi arraigado na comarca) e posteriormente, desencantado cos radicais, liderando activamente o novo agrarismo arredor da Federación Provincial Agraria, moi próxima ao ideario galeguista.

o-mestre-republicano-de-parada-sebastian-pena-lopez-protagonista-dunha-conferencia-de-carlos-meixome-en-nigran

“Sebastián Pena López temeu pola súa vida; ao seu irmán José María fusilárono. Sancionárono sen emprego e soldo e, cando lle devolveron a escola, afastárono da casa familiar durante seis anos; mandárono a Pontecesures”, sinala Méixome, quen no seu libro ‘Catas na memoria’ sinala que aínda que cando foi o golpe de estado xa non exercía en Parada (estaba no barrio vigués de Casablanca) foi investigado polo tempo que exerceu en Parada, emitindo o presidente da xestora nigranesa un informe de conduta favorable solicitado polo comandante militar de Baiona o 13 de setembro de 1936.

“A coincidencia do seu apelido co do ‘Cabo Pena’, o gran represor da comarca, provocou unha confusión na trasmisión oral que levou a unha falsidade terrible que desde o propio Concello de Nigrán queríamos emendar”, explica o alcalde. “Sen dúbida é un erro non intencionado, resultado tanto da popularidade do mestre, orador nos grandes mitins agrarios e republicanos, como do descoñecemento do escorregadizo cabo Manuel González Pena, prototipo de represor, de asasino.

 

Non hai causa militar aberta contra as xentes de Nigrán e Baiona na que non estea presente. Sebastián Pena López, o mestre republicano de Parada, castigado polos sublevados, nada ten que ver co xefe dos represores no Val de Miñor, Manuel González Pena”, zanxa Méixome.

Mes da memoria

Este ano o Concello de Nigrán centrou a programación na represión no ensino, polo que tendo en conta a temática, a través do Cineclub Val Miñor Alice Guy, proxectouse ‘El maestro que prometió el mar’ e ‘La lengua de las mariposas, e o xoves 24 de outubro ofrecerase ‘Los días del pasado’, de Mario Camus. Adicionalmente, o martes 15 de outubro conmemorarase un ano máis en Panxón os tráxicos asasinatos coñecidos como ‘A volta dos nove’, cando para vingar a morte dun colega falanxista, por orde do cabo Pena, apañaron a 9 veciños do Val Miñor para matalos posteriormente na curva da Bombardeira, en Baiona.

- Publicidade -spot_img