O Museo de Arte Contemporánea de Vigo desenvolve ata o vindeiro sábado 18, o programa deseñado para conmemorar o “Día Internacional dos Museos”, que este ano ten como lema “Museos pola educación e a investigación”.
Abel Caballero presentou, xunto co director do Museo MARCO, Miguel Fernández Cid, e co premiado músico e cineasta de Vigo Eduardo Soutullo, o calendario de actos destinados a conmemorar o Día Internacional dos Museos.
Entre as actividades destacadas atópase a proxección, por primeira vez en España, das catro curtametraxes documentais do cineasta e músico vigués Eduardo Soutullo, premio Nacional de Música 2023
O alcalde destacou a importancia de poñer en valor o traballo desenvolvido desde o museo, tanto para poñer en valor ao Marco no escenario cultural nacional e internacional, como aos creadores de Vigo que se atopan ao nivel das cidades máis importantes de Europa. Ao tempo, animou a participar na programación especial con motivo do Día dos Museos e insistiu no reto de conseguir que todas as persoas que pasen diante o MARCO se deteñan a contemplar a oferta despregada no seu interior.“De súpeto, Vigo ocupa espazos de opinión en toda España e en toda Europa con tantas cousas que están a pasar na cidade en todos os campos, como na cultura”, recalcou o rexedor.
Eduardo Soutullo congratulouse de que, despois de 30 anos como compositor de música sinfónica, os seus catro documentais en formato curtametraxe vaian ser proxectados por primeira vez nunha institución cultural española.
Programa
O Marco acolle a III Xuntanza de Bibliotecas, Arquivos e Centros de Documentación de Vigo e, desde este mércores 15 de maio e ata o domingo 19, a proxección dos catro documentais de Soutullo. Tamén este mércores 15 terá lugar a iniciativa “Escola de Mestras”, sobre recursos e materiais para a educación infantil. O sábado 18 haberá unha xornada de robótica , educación dixital e Intelixencia Artificial.
Toda a información en: @museomarcovigo




