O Kayak Tudense logrou a vitoria na segunda competición da liga Hernando Quella que se disputou no encoro de Trasona (Avilés) o pasado fin de semana, os de Tui sumaron un total de 679 puntos, o segundo clasificado foi o Club Nautico Sevilla que sumou 501, terceiro sería o Breogán do Grove con 482 puntos.
Con este triunfo o equipo Tudense é máis líder da liga ao sumar 210 puntos avantaxando ao equipo sevillano do Náutico en 6 puntos que suma 204, na terceira posición atópase o Breogán do Grove empatado a 195 puntos co Piragüismo Aranxuez.
Na competición asturiana os deportistas galegos alcanzaron multitude medallas. Na mañá do sábado disputáronse as finais individuais onde Diego Romeu conseguía o primeiro posto no C1 na categoría senior, final na que Adrián Sieiro foi terceiro. Nesta categoría estaba previsto que o vencedor da proba fose o representante español no preolímpico do mes de Maio, debido ás condicións meteorolóxicas a federación española decidiu anular este resultado.
O selectivo que decidirá quen é o padeeiro español que participará no clasificatorio continental está pendente de datas e lugar de celebración. Jenifer Casal do C.E.P. Cidade de Pontevedra foi terceira na final do C1 500.
Na categoría Xuvenil David Barreiro do Náutico Rodeira foi o vencedor no C1 1000 o seu compañeiro de equipo Óscar Graña terminou terceiro, en mulleres Carolina García-C.E.P. Cidade de Pontevedra terminou segunda, a terceira praza foi para Marta Iglesias-Ría de Aldán. Andrea Vázque-Rías Baixas gañou a medalla de ouro en C1 500 metros, en segunda posición entrou en meta Antía Jácome-Cidade de Pontevedra. Na modalidade de kayak Luís Rodríguez entraba en cuarta posición, este posto dálle a praza para acudir ao campionato do Mundo xuvenil.
Pola tarde entraron en competición as embarcacións dobres onde se demostrou o potencial galego, das 12 medallas en xogo na categoría senior 9 viñeron para terras galegas. Os padeeiros do Náutico Betanzos Rodrigo Germade e Óscar Carreira impuxéronse nun apertado final á parella tudense de Gabriel Campo e Rubén Millán, terceiros serían Diego Piña e Iván Alonso. A canoa masculina tamén lograría o triplete galego, Sergio Vallejo xunto Adrián Sieiro gañaron por diante de André Oliveira e David Fernández, a medalla de bronce leváronlla Tono Campos e Diego Romero.
Raquel Dá Costa xunto con Camila Morison alcanzaron a primeira posición no kayak feminino, Natalia García formando parella con Nuria Villace chegaron a meta en terceira posición.
Na categoría xuvenil os canoistas do Naútico Rodeira David Barreiro e Pablo Graña foron segundos, Marta Iglesias e Irene Dacosta gañaron a medalla de ouro en kayak.
Na mañá do domingo foi a quenda para as K4 e C4, o dominio galego seguiu presente na categoría senior, despois dunha suspensión dunha hora do campionato polo vento a formación do Kayak Tudense levaban a medalla de ouro no Kayak Masculino, os seus compañeiros de equipo foron tamén os vencedores en C4, acompañáronlle no podio as tripulacións do Breogán e Piragüismo Poio respectivamente. As mozas do Breogán gañaron as final do feminina por diante do Kayak Tudense.
O podio da categoría Paracanoe tivo presenza galega da man de Elena Naveiro e María Calvo do Breogán do Grove que terminaron en segunda e terceira posición respectivamente na final do K1 L3 200 metro.
A próxima competición da liga terá lugar no encoro de Pontillón do Castro en Verducido o 28 e 29 de Maio coa disputa da Copa 200 e 500 metros






