spot_img
InicioVigo e áreaVigoO Hospital Álvaro Cunqueiro incorpora o vindeiro luns unha das mellores áreas...

O Hospital Álvaro Cunqueiro incorpora o vindeiro luns unha das mellores áreas de investigación biomédica de Galicia

Hospital-Álvaro-Cunqueiro-incorpora-ovindeiro-luns-mellores-áreas-investigación-biomédica-Galicia

O Servizo Galego de Saúde continúa coa súa planificación loxística e asistencial na apertura gradual do novo Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Deste xeito, a partires do vindeiro luns 10 de agosto esta infraestrutura sanitaria pública disporá dunha das mellores areas de investigación biomédica de Galicia. Un espazo específico de promoción da investigación, da innovación sanitaria e a transferencia dos resultados xerados neste tipo de centros.

Os novos espazos comprenden unha superficie de preto de 1.700 metros cadrados, con amplos laboratorios e salas interdisciplinares para grupos de traballo e investigadores

Deste xeito, toda a investigación biomédica do CHUVI céntrase no novo hospital, unificando investigadores anteriormente emprazados nos hospitais do Meixoeiro e Rebullón. Así trasládanse un total de 32 profesionais, entre investigadores e persoal administrativo e de xestión.

Toda a investigación do CHUVI emprazada nos hospitais do Meixoeiro e Rebullón unifícase no novo hospital

A nova Área de Investigación Biomédica do Hospital Álvaro Cunqueiro comprende unha superficie de preto de 1.700 metros cadrados no andar 2 do bloque técnico, con amplos laboratorios e salas interdisciplinares que quedan a disposición dos grupos de traballo e investigadores do Instituto de Investigación Biomédica de Ourense, Pontevedra e Vigo, en uso conxunto coa Universidade de Vigo, institución académica dotada tamén dun relevante músculo investigador.

Félix Rubial sinala que se salda unha débeda histórica coa investigación biosanitaria en Vigo “xa que por primeira vez o persoal asistencial e o persoal investigador compartirán espazo e dependencias, elemento identificado como esencial para fortalecer o peso investigador da EOXI de Vigo”

Máis peso investigador da EOXI de Vigo
Neste senso, o xerente da EOXI de Vigo, Félix Rubial, sinala que coa chegada da Área de Investigación ao Hospital Álvaro Cunqueiro sáldase unha débeda histórica coa investigación biosanitaria en Vigo, “xa que por primeira vez o persoal asistencial e o persoal investigador compartirán espazo e dependencias, elemento identificado como esencial para fortalecer o peso investigador da EOXI de Vigo. Esta circunstancia emprázanos en igualdade con outros centros de Galicia cos que antes podíamos equipararnos no nivel de excelencia asistencial, pero non na actividade investigadora. Damos comezo, deste xeito, ao asalto final a ese obxectivo colectivo da comunidade investigadora viguesa en ciencias biomédicas, que non é outro que a acreditación do Instituto de Investigación”.

Incorporación do coñecemento á práctica asistencial
O Instituto de Investigación Biomédica de Ourense, Pontevedra e Vigo -baixo a dirección científica do doutor José Ramón Fernández Lorenzo- conta con 507 profesionais, entre investigadores, clínicos, básicos e técnicos, distribuídos en 39 grupos de investigación dos que 22 son do SERGAS, 16 da Universidade de Vigo e 1 deles é mixto.

Segundo explica Fernández Lorenzo “as novas instalacións no Hospital Álvaro Cunqueiro permitirán potenciar a investigación traslacional e a incorporación do coñecemento á práctica asistencial. O noso campo, a Biomedicina, posibilita unha transferencia activa dos novos coñecementos, mecanismos e técnicas xerados nos avances da ciencia básica, coa fin de mellorar a prevención o diagnóstico e o tratamento das enfermidades e, en consecuencia, a saúde da cidadanía.”

Vigo acolle subproxectos de I+D+i galego
Estes grupos investigadores desenvolven a súa actividade en sete áreas estratéxicas: neurociencias e enfermidades psiquiátricas; enfermidades inflamatorias e infecciosas e trastornos inmunitarios; metabolismo, nutrición e enfermidades de base xenética; novas tecnoloxías, biomateriais e enxeñería de tecidos; enfermidades de grandes sistemas, envellecemento e medicina rexenerativa; cancro; e, ademais, eficiencia e calidade en sistemas de saúde, seguridade do paciente e economía da saúde.

Ademais, cómpre sinalar que a Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Vigo acolle un total de sete subproxectos de I+D+i galego no marco dos programas InnovaSaúde e Hospital 2050: produtos de teleasistencia; paciente experto; central de simulación médica avanzada; sistemas de diagnóstico asistido por ordenador; a central de imaxe médica; espazos de innovación de servizos asistenciais; e sistemas de diagnóstico de información e xestión de datos clínicos e epidemiolóxicos para investigación.

A Administración Sanitaria Pública galega aposta pola investigación biomédica e as ciencias da vida, co impulso dun modelo de investigación baseado na innovación e nos problemas de saúde da cidadanía.

- Publicidade -spot_img