Inicio Galicia Compostela O Grupo de Cidades Patrimonio acorda en Santiago conceder o seu Premio...

O Grupo de Cidades Patrimonio acorda en Santiago conceder o seu Premio Patrimonio 2019 á Rede de Paradores

O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade concederá á Rede de Paradores de Turismo o seu Premio Patrimonio 2019. Así se acordou na Asemblea Xeral do Grupo, celebrada onte en Santiago.

Este premio élle concedido cada ano a persoas ou institucións que destacaron na posta en valor ou conservación do patrimonio cultural, e o ano pasado recaeu na raíña dona Sofía. O presidente do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España e alcalde de Cuenca, Ángel Mariscal, e o rexedor de Santiago, Martiño Noriega, foron os encargados de dar conta dos acordos da Asemblea Xeral, nunha rolda de prensa na que tamén participaron os tres vicepresidentes do Grupo: o alcalde de Ibiza, Rafael Ruíz; o de Mérida, Antonio Rodríguez Osuna; e o rexedor de Salamanca, Carlos García Carbayo. O alcalde salmantino recibiu no transcurso da asemblea a insignia do Grupo, tras a súa toma de posesión o pasado mes de decembro.

Parador de Tui

Premio Patrimonio 2019
O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, anunciou a concesión a Paradores do Premio Patrimonio 2019 do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade e mostrou a súa satisfacción porque “este acordo se produza nunha Asemblea celebrada nun dos establecementos máis emblemáticos da rede, o Hostal dos Reis Católicos”

O presidente do Grupo e alcalde de Cuenca explicou que “nas súas 12 edicións, este galardón serviu para recoñecer o labor de persoas e institucións na protección e promoción do noso patrimonio, e as 15 cidades do grupo entendemos que Paradores de Turismo ten un papel moi importante neste sentido”. Ángel Mariscal destacou que a entidade pública distinguida “coincide coas Cidades Patrimonio na súa aposta por un modelo turístico de calidade” e avanzou que a concesión do premio xa lle foi comunicada ao presidente de Paradores, Óscar López.

Reunión de traballo de alcaldes e alcaldesas
Ángel Mariscal tamén deu conta da reunión de traballo dos alcaldes e alcaldesas do Grupo de Cidades Patrimonio, celebrada na tarde de onte. Tal e como explicou, na sesión debateuse a proposta para a modificación dos Estatutos do Grupo, “que databan de 2008 e que necesitaban unha actualización para adaptarse ás novas necesidades dun grupo en crecemento”. Ademais, os alcaldes e alcaldesas analizaron o novo Regulamento Económico-Financeiro do Grupo, que ata o de agora carecía desta ferramenta, que “axilizará notablemente o funcionamento da entidade”.

Parador de Baiona

As Cidades Patrimonio analizaron tamén en Santiago o nivel de execución dos seus orzamentos de 2018, que acadou o 99,5%. Ángel Mariscal explicou que “o orzamento de 2019 medrará lixeiramente ata o 1.255.000 euros, de forma que poderemos manter o convenio con RTVE para a realización de documentais en 4K sobre as Cidades Patrimonio”. Para este ano está prevista a gravación de catro novos capítulo, dedicados a Baeza, San Cristóbal de La Laguna, Tarragona e Úbeda.

Outros asuntos
A Asemblea Xeral do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade celebrada en Santiago serviu tamén para que as diferentes comisións informativas da entidade deran conta dos proxectos que se abordarán nos próximos meses. Alcaldes e alcaldesas foron informados de programas como “Aula de Patrimonio”, dirixido a escolares das 15 urbes, o II Circuíto de Carreiras Cidades Patrimonio da Humanidade, que se celebra de marzo a decembro; ou o VI Ciclo Música de Cámara que comezará o próximo venres en Cuenca e chegará a todas as cidades do Grupo ata o próximo mes de xuño, coa participación da Escola Superior de Música Raíña Sofía.

Tamén se abordou o calendario de accións de promoción turística, entre as que Ángel Mariscal destacou as xornadas que se celebrarán nas cidades chinas de Cantón, Shangai e Pekín do 31 de marzo ao 4 de abril. 

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

SÍGUENOS

691FansGóstame
300SeguidoresSeguir

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies