spot_img
InicioVal MiñorNigránO goberno municipal presenta os candidatos para a IV edición dos Premios...

O goberno municipal presenta os candidatos para a IV edición dos Premios Nigrán

O goberno municipal presenta os candidatos para a cuarta edición dos Premios NigránA asociación Avelaína, a Coral Polifónica Novos Aires de Nigrán, o C.E.I.P. Carlos Casares, as Escolas Deportivas Val Miñor, Ciclos Palacios e Cimalab configuran a candidatura do goberno municipal.

Os Premios Nigrán 2015 teñen xa un nome propio, tras aprobar a Comisión de Asuntos Xerais celebrada onte a candidatura elaborada polo goberno municipal. A asociación Avelaína, a Coral Polifónica Novos Aires de Nigrán, o C.E.I.P. Carlos Casares, as Escolas Deportivas Val Miñor, Ciclos Palacios e Cimalab son os seis premiados desta cuarta edición dos Premios Nigrán.

Os Premios Nigrán, que se celebrarán o vindeiro venres 27 de marzo no Salón de Actos Municipal ás 20.00 horas, chegan á súa cuarta edición consolidados como un acto institucional de recoñecemento público, deseñado polo actual goberno para recoñecer e, sobre todo, agradecer o traballo e esforzo dos premiados ao longo da súa traxectoria persoal e profesional, pola súa achega e colaboración na configuración e construción dun Nigrán mellor.

A proposta do goberno municipal incorpora as achegas realizadas polos colectivos sociais, culturais e veciñais do municipio, a quen o goberno local agradece a súa colaboración e participación.

Os premiados

A Asociación Avelaíña recibirá o Premio Nigrán 2015 ao mérito social, polo seu incansable traballo na integración das persoas con enfermidade mental na comarca do Val Miñor, e en Nigrán de forma especial, que no ano 2013 deu servizo a 241 veciños do municipio.

O premio ao mérito cultural caerá este ano en mans da Coral Polifónica Novos Aires de Nigrán, un colectivo cunha dilatada experiencia e traxectoria musical, que na actualidade conta con 45 voces mixtas, e que ten entre os seus obxectivos promover a actividade cultural na comarca.

O C.E.I.P. Carlos Casares de Vilariño será o premiado na categoría educativa, un colexio situado na parroquia de Parada, que celebra este ano, en outubro de 2015, o seu corenta aniversario.

As Escolas Deportivas Val Miñor recollerán o premio ao mérito deportivo, unha entidade con 19 anos de historia que, baixo a lema “fútbol para todos”, adestra e acompaña no seu crecemento a máis de medio milleiro de nenos e nenas de entre 3 e 18 anos.

O premio ao mérito empresarial recaerá en Ciclos Palacios, unha empresa dedicada ao mundo das dúas rodas desde o ano 1947. Fundada por Alfonso González, o seu fillo “Fonsi” seguiu co negocio, converténdoa nunha das empresas máis lonxevas do municipio, con case 70 anos de historia.

O único laboratorio oficial de reformas de vehículos de Galicia, Cimalab, recibirá o Premio Nigrán á innovación. Situado no parque empresarial Porto do Molle, e baixo a batuta do investigador e vicerreitor de Transferencia de Investigación da Universidade de Vigo, José Antonio Vilán, este laboratorio constitúe un claro exemplo do carácter innovador e emprendedor do parque empresarial de Nigrán.

- Publicidade -spot_img