O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade organiza na Coruña a segunda edición deste certame co apoio do concello, socio da entidade
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade lanza o III Concurso de murais arredor dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible ‘Muros que unen’, co financiamento do Concello da Coruña. O certame encádrase no convenio acordado entre as partes para destinar 20.000 euros á realización de actividades de sensibilización fronte as desigualdades. A loita contra a fame, o acceso á auga e mais a enerxía sustentable serán os temas centrais das obras, que calquera persoa ou colectivo pode presentar ata o 2 de novembro.
Con ‘Muros que unen’ búscase dar a coñecer, a través da arte urbana, as 17 metas globais fixadas polos Estados membros da ONU a finais de 2015 para erradicar a pobreza, protexer o planeta e asegurar a prosperidade para todas as persoas no marco da Axenda 2030. Co fin de fomentar ademais o pensamento crítico e a participación cidadá na construción de cidades inclusivas, a terceira edición de ‘Muros que unen’ centrarase en tres deses 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, que os municipios deben contribuír a acadar.
Trátase do ODS 2: Pórlle fin á fame, lograr a seguridade alimentaria e a mellora da nutrición e promover a agricultura sustentable; o ODS 6: Garantir a dispoñibilidade de auga e a súa xestión sustentable e o saneamento para toda a poboación, e o ODS 7: Garantir o acceso a unha enerxía alcanzable, segura, sustentable e moderna para toda a poboación. Con anterioridade xa se representaran nas rúas da cidade os ODS 1, 3, 4, 5 e 11.
Outorgarase un premio de 2.000 euros por cada un dos tres ODS, que serán representados na fachada principal do Polideportivo Municipal de Labañou, para o que a organización facilitará todos os materiais necesarios. A técnica será libre, e ao concurso poden presentarse ata dúas propostas, seguindo o procedemento establecido nas bases, que poden consultarse en www.fondogalego.gal. As obras deben ser inéditas, de xeito que non fosen recreadas nunha parede con anterioridade nin premiadas noutros concursos. As dúbidas poden consultarse no teléfono 698 144 536 ou no enderezo electrónico comunicacion@fondogalego.gal.
O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 98 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, desde a súa fundación en 1997 o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en preto de 30 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.



