·Publicidade ·spot_img
InicioVigo e áreaVigoO Festival Inclusivo de Vigo estará dedicado este ano ao persoal sanitario

O Festival Inclusivo de Vigo estará dedicado este ano ao persoal sanitario

O Festival Inclusivo de Vigo estará dedicado este ano ao persoal sanitarioO certame, integrado na marca provincial de calidade da Deputación “Rías Baixas Film Fest”, celebrarase entre o 13 e 17 de outubro,

“Esta provincia e esta cidade son o motor da cultura en todos os eidos”. Con estas palabras, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, participou hoxe na presentación da quinta edición do Festival de Cine Inclusivo de Vigo, xunto ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, o director do evento, Gonzalo Suárez, o director de AGADIC, Jacobo Sutil, e a directora de Caixabank oficina Príncipe, Sonia Saromán. O certame, que organiza a Asociación Galega Audiovisual Inclusiva (AGAIN), celebrarase entre os días 13 e 17 deste mes de outubro na cidade olívica.

No acto celebrado no Museo Marco, Carmela Silva enxalzou que o festival, que se atopa baixo a marca provincial “Rías Baixas Film Fest”, “reinvéntase cada ano, suma iniciativas e proxectos e sempre con esa idea de que todas as persoas somos iguais e temos dereito a participar activamente en todo”. Amais, a presidenta provincial tamén destacou que é un certame “marabilloso” porque “está cheo de principios básicos”. Pola súa banda, o alcalde de Vigo subliñou a importancia das corporacións locais no mundo da cultura e fixo fincapé na influencia do cine “nas nosas expresións, formas e comportamentos”. Neste eido, Caballero sinalou que o cine inclusivo “é un avance nos dereitos humanos e na igualdade”.

Doutra banda, o director do festival explicou que o certame “naceu coa vocación de facer visible o invisible” e salientou que “pese as adversidades non para de medrar, é cada vez máis ambicioso e conta con máis seccións”. Amais, Gonzalo Suárez destacou que este ano debido á crise sanitaria da covid-19 “había que dedicarlle o festival ao persoal sanitario”. Neste senso, nesta edición dáse unha maior puntuación na selección a todos aqueles audiovisuais nos que se dá a coñecer o traballo dos e das profesionais da sanidade e dos coidados. Amais, o cartel da V edición, deseñado pola artista viguesa Abi Castillo, tamén está dedicado ao persoal sanitario. E, pola súa banda, o certame será inaugurado co documental “De chaque instante” de Nicolas Philibert, sobre a vocación dos e das enfermeiros e enfermeiras.

O Festival de Cine Inclusivo de Vigo, cuxas proxeccións terán lugar no Auditorio Municipal e nos Cines Salesianos,  ten como finalidade dar a coñecer, apoiar e valorar os proxectos cinematográficos realizados por e para a inclusión e a igualdade. Nesta quinta edición, como novidade o festival abriu un concurso de webseries inclusivas, que se poden votar a través da web, e tamén unha sección competitiva de longametraxes de ficción con temática inclusiva para reflectir a diversidade da nosa sociedade. Amais, o certame segue a apostar por dúas seccións competitivas, unha de documentais e outra de curtametraxes. Doutra banda, o festival tamén contará na súa programación con actividades paralelas ás proxeccións, como webinars e coloquios, que pretenden crear conciencia sobre a inclusión no seu aspecto máis amplo

Por mor da pandemia, o festival tivo que reformularse para centrarse na seguridade das persoas asistentes. Ao respecto, tamén contará coas ferramentas postas a disposición pola Deputación no marco do protocolo común que impulsou con medidas de seguridade para os festivais de cinema da provincia.

- Publicidade -spot_img

Publicidade



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies