spot_img
InicioVal MiñorBaionaO Fifty vencedor en Baiona no XXIX Trofeo Príncipe de Asturias

O Fifty vencedor en Baiona no XXIX Trofeo Príncipe de Asturias

Trofeo de Vela Príncipe de Asturias

A embarcación do portugués Rui Ramada e grímpola do Monte Real Club de Yates conseguiu a vitoria na categoría dos grandes barcos

O Fifty do portugués Rui Ramada e grímpola do Monte Real Club de Yates conseguiu a vitoria no XXIX Trofeo Príncipe de Asturias na categoría dos grandes barcos. Levouse tamén o premio do Segundo Circuíto Atlántico de Cruceiros, un galardón que a tripulación recibiu de mans do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda.

A última proba da competición, disputada este domingo, foi decisiva para deseñar os podios de boa parte das clases. A falta de vento volveu ser a protagonista da xornada, obrigando a atrasar o bucinazo de saída e a recortar algúns dos percorridos.

Na clase dos ORC 1 alzouse vencedor o Fifty de Rui Ramada, con grímpola do Monte Real Club de Yates. O segundo e terceiro posto foron para o Aceites Abril, de Luis Pérez Canal, que competiu polo RCN Vigo e para o Xekmatt de José Carlos Prista, da Asociación Naval de Lisboa.

O Movistar de Pedro Campos, que nesta ocasión patroneou Pablo Iglesias, gañou con claridade na clase dos ORC 2, deixándolle a prata ao Solventis, de Malalo Bermúdez (MRCYB), e o bronce á Fazula, de Fran Edreira (CN Sada).

O podio dos ORC 3 repartíronllelo entre La Rabuda Uno, de Fernando González (RCN Portosín), o GDiez de José Naya (CN Ferrol), e o Plano B de Nuno Ribes (CV Atlántico), que quedaron, en primeira, segunda e terceira posición respectivamente.

Na competición dos J80 en tempo real, o Real Club Naútico de Coruña foi o claro triunfador. Os seus barcos, que dominaron en practicamente todas as probas dos tres días, conseguiron finalmente dous dos postos de honra. O Biba de Miguel Fernández alzouse campión e o Marina Coruña de Pablo Martínez quedou en terceira posición. O segundo posto foi para o Mércores Moeda de Ero Pons, con grímpola do Monte Real Club de Yates de Baiona.

Na Ladies Cup fíxose coa vitoria o Serralleiras, con Sandra Azón de la Federación Catalana á cana. O segundo posto foi para o Tutatis, patroneado por María Campos, da Federación Galega.

Na clase ORC Especial impúxose o Deep Blue de Vicente Cid (RCN Vigo). O segundo posto foi para o Q Talento de Javier Rey (MRCYB), e o terceiro para o Enxuto de Pablo Conde (CY Acapulco).

E na categoría de clásicos, que onte non puideron disputar ningunha proba pola falta de vento, o ouro foi para o Belisa de José Manuel Cores (AGABACE) e a prata para o Jonathan de Jos Van Veen (Real Muiden NL).

O Monte Real tamén entregou o premio do Segundo Circuíto Atlántico de Cruceiros, que recibiu a tripulación do Fifty de Rui Ramada de mans do Vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda.

- Publicidade -spot_img