A organización e os principais financiadores presentaron o programa completo do festival, que se desenvolverá do 10 ao 18 de setembro
O Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu afronta na súa novena edición “o desafío de manter a maxia dos comezos á vez que aumenta a súa dimensión”. Así o expresou esta mañá o director do certame, Manuel Pena, na presentación do evento, que se desenvolverá do 10 ao 18 de setembro, na que tamén participaron representantes do Concello de Bueu, da Deputación de Pontevedra e da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), principais institucións cofinanciadoras.
Manuel Pena lembrou que “con moi poucos medios, nunha pequena vila dun recuncho de Europa, o festival acadou unha programación internacional de primeirísimo nivel e contou desde o principio cun gran apoio do público”. Esa programación estenderase agora con máis proxeccións e propostas paralelas, tal e como lembrou o alcalde de Bueu. Félix Juncal destacou que o Concello apoiou a iniciativa desde o inicio e que agora, grazas á implicación das tres administracións, “a partir do día 10 imos gozar de bo cine pero tamén de moitas actividades, deseñadas con grande imaxinación e co denominador común da cinematografía”.
O deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, fixo fincapé na inclusión do FICBUEU, canda outros eventos semellantes, no Ano Castelao impulsado pola Deputación. Neste senso, o festival inaugúrase o vindeiro sábado ás 12 horas coa proxección de ‘Miss Ledyia’, primeiro filme de ficción galego, con música en directo ao piano. En 2016 cúmprense cen anos da fita dirixida por Xosé Gil, na que Castelao participa como intérprete e que se acha depositada no Museo de Pontevedra. A xornada de apertura completarase coa conferencia ‘De Sellier a Gil. Primeiros anos do cinema en Galicia’, impartida polo profesor José Luis Castro de Paz.
Xosé Leal considerou asemade que “o éxito do FICBUEU é que comezou desde a base para ir medrando”, palabras que subscribiu tamén o director da Agadic. Segundo Jacobo Sutil, o feito da que a Xunta de Galicia cofinancie por vez primeira o certame “demostra a calidade da programación, a profesionalidade da xestión e o labor de difusión do audiovisual no noso territorio” que conleva. Ao tempo, subliñou a inclusión de seis obras galegas nunha sección propia e fixo “unha defensa do formato curtametraxe, que ás veces fica nunha segunda liña, pero nel condénsase en tempo limitado variedade de estilos, de formatos, formas de produción e creación que requiren moito talento, tal e como veremos estes días no festival”.
Claves da programación
O director do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu pechou a presentación desta novena edición resumindo de xeito esquemático o amplo programa. Tras a o acto de apertura, as curtametraxes estrutúranse en sete seccións que se proxectarán polas tardes entre o sábado 10 e o venres 16, en horarios de 18, 20 e 22 horas. A primeira será unha retrospectiva do director portugués André Marques, mentres que as de Comedia, Animación, Iberoamérica e Panorama poderán verse tanto na fin de semana coma de luns a xoves ás 18 horas. A invitación pode recollerse de balde no despacho de billetes o mesmo día.
A sección Competición resérvase para os días 12 a 15 de setembro, nos que se desenvolverá a habitual sesión dobre ás 20 e ás 22 horas, cos mesmos cinco títulos en cada xornada. A entrada individual terá un custo de 2 euros mentres que o abono, que xa pode adquirirse na web, ten un prezo de 6 euros; tamén se poderán mercar presencialmente a partir deste sábado ás 11 horas. O venres, os pases das 20 e 22 horas resérvanse para a sección Galicia.
Doutra banda, as actividades paralelas inclúen tanto a conferencia de apertura como a que o profesor Xosé Nogueira impartirá o domingo 11 ás 12 horas, titulada ‘Stanley Kubrick. O cine revisitado e a xeometría das imaxes’. Cara o final da semana, o xoves 15 ás 11 horas, alumnado dos colexios da vila asistirá ao visionado dunha selección de curtas. O venres 16 arrincará tamén ás 11 horas cunha masterclass sobre gravación de vídeo con cámara réflex e continuará ás 16.30 horas cun relatorio sobre a distribución internacional de curtas a cargo da Agencia Freak. Para senllos actos recoméndase inscrición previa en producion@ficbueu.com.
O sábado 17 desenvolveranse dúas actividades pensadas para favorecer o intercambio entre os cineastas que nos visitarán e os espectadores do festival. Trátase dun roteiro por Cabo Udra, a partir das 11 horas, e a navegación pola ría a bordo das embarcacións tradicionais da asociación Os Galos, ás 16.30 horas, para as que é imprescindible reservar praza no mesmo enderezo electrónico. Ás 18 horas terá lugar o Encontro con Celso Bugallo, actor gañador dun Goya. A gala de entrega de premios dará comezo ás 21.30 horas e o público que acuda poderá achegarse logo á festa de clausura no café-bar El Balcón.
No entanto, a axenda aínda se prolongará ata o domingo, coa proxección a partir das 18 horas dos traballos máis destacados enviados por centros educativos de Galicia. Nesa mesma xornada visionarase a curtametraxe resultante do obradoiro que desde a pasada semana se está a realizar con mozas e mozos de 14 a 18 anos. Trátase ademais dunha actividade solidaria coa promoción do cinema en aldeas peruanas, xa que a contía que voluntariamente queiran aboar as persoas asistentes se destinará aos proxectos que a plataforma cultural La Combi – Arte Rodante adoita desenvolver en comunidades afastadas




