O Festival SonRías Baixas encherá un ano máis o Multiusos da Estacada de música e festivaleiros con ganas de troula. A cita será a fin de semana do 5 e 6 de agosto e xa está confirmada a presenza de dúas bandas de referencia no panorama rockeiro español e dous dos máximos expoñentes da provocación feita música en Galicia.
Os míticos Lendakaris Muertos, máximos expoñentes do punk español máis gamberro e absurdo, regresan aos escenarios despois dun parón de dous anos e terán no SonRías a súa parada oficial no noroeste peninsular. Os madrileños Boikot volven a Bueu, por aclamación popular, despois de arrasar na edición de 2013 coa súa enerxía e diversión revolucionaria; tamén repiten os Heredeiros da Crus, outra das bandas máis queridas do público, nun dos poucos concertos de grande formato que ofrecerán este verán; e pechan este primeiro avance os Poetarras, un colectivo arterrorístico especialista en cancións pegadizas e irreverentes que os teñen convertido nos seus poucos anos de vida nos máximos expoñentes da nova retranca galega.
A organización do festival promete máis sorpresas para as próximas semanas e pon xa á venda na súa web as primeiras 500 entradas a un prezo de 18,50 euros máis gastos o abono dos dous días, coa acampada incluída, unha oferta sen comparación nos festivais da península.
O prezo na billetería será de 35 euros.O XIV Festival SonRías Baixas é posible grazas ao tesón da Asociación Troula na Banda, ao apoio do Concello de Bueu e da Deputación de Pontevedra, e á axuda do Hoten Incamar, de Gadis, de Merc., da empresa de xestión cultural Play Plan, produtora do evento, e de Rei Zentolo, responsable da campaña gráfica.
A particular mestura de música, praia de gastronomía nun contorno privilexiado é unha das principais marcas de identidade do SonRías Baixas, que xa é toda unha referencia do verán en Galicia e no resto do Estado. De feito, a última edición do Festival conquistou en agosto de 2013 a 12.000 persoas con tres días de música, praia e gastronomía, o que supuxo para Bueu unha insección económica de 830.000 euros.
Máis información na web do SonRías. www.sonriasbaixas.info




