O Primavera do Cine e o Concello de Vigo presentaron a VII edición do festival, certame que se celebrará do 8 ó 13 de maio e que un ano máis continua apostando polo cine galego e lusófono
Cayetano Rodríguez, concelleiro de Cultura do Concello de Vigo e Juan de Castro, director do Festival Primavera do Cine presentaron a sétima edición do certame, que se celebrará do 8 ó 13 de maio aínda que será o día 30 de abril cando comecen as actividades ligadas ó festival.
Nesta sétima edición, exhibiranse en total 33 curtametraxes e 16 longametraxes que terán como sedes principais o Auditorio do Concello de Vigo, o Instituto Camões, e o MARCO, espazos onde tamén se poderán adquirir as entradas.
As actividades paralelas darán comezo o 30 de abril, cunha Mostra de Cine Brasileiro que se extenderá ata o 3 de maio. Os actos continuarán co cine nos barrios, o 4 e 5 de maio, Cine Miúdo o día 9 e a master class de Álvaro Gago o sábado 12
Cayetano Rodríguez brindou o apoio do Concello de Vigo ó festival e deu as grazas tanto a Juan de Castro como á organización polo compromiso coa cultura da cidade e, sobre todo, pola defensa do cine galego e lusófono xa que, en palabras do concelleiro de Cultura, o Primavera do Cine “é realmente o único evento destas características que se celebra na nosa comunidade” e está seguro de que o certame “será todo un éxito”.
Doutra banda, Juan de Castro quixo destacar unha das grandes bazas desta nova edición: a calidade das cintas. Así, o director do evento afirmou que, ademais do gran peso que terá Brasil, este ano fíxose “unha aposta máis clara polo nivel dos filmes a exhibir”.
Os actos relacionados co certame comezarán o día 30 de abril cunha Mostra de Cine Brasileiro, unha actividade que se fixo posible grazas a colaboración coa Embaixada de Brasil, a Fundación Cultural Hispano Brasileña e o Ateneo Atlántico. Nela, a organización do festival buscará dar visibilidade ó cine que se está a facer actualmente no país a través de catro filmes que se proxectarán de balde do 30 de abril ó 3 de maio nos Multicines Norte.
Continuando co obxectivo do Primavera de intentar espallar o cine polos diferentes barrios da cidade, o fin de semana do 4 e o 5 de maio chegará a Coia, no campo de fútbol da Avenida Castelao, e a Teis, enfrente de Vulcano, o documental do director vigués Roi Cagiao: Vigo, 1972. Un filme que foi nomeado ós Mestre Mateo e que se atopa entre as 100 películas españolas máis vistas do ano. A cita, ás 21.30h en ámbolos pases e de balde, pretende aproximar ós veciños e veciñas de Vigo a folga histórica que se viviu na comarca en plena época franquista e que foi o preludio da transición.
A oferta completarase co Cine Miúdo en Afundación, unha cita que achegará o cine clásico, a música en directo e as bandas sonoras a preto de 700 escolares do 9 ó 11 de maio e a master class que impartirá o recoñecido cineasta vigués Álvaro Gago o 12 de maio no auditorio do Concello de Vigo. Ademais ese mesmo sábado terá lugar o concerto do grupo de música Cró na Sala Radar.
Juan de Castro agradeceu o apoio do Concello de Vigo e da Deputación de Pontevedra así como o Instituto Camões, o Ateneo Atlántico, o Ministerio de Cultura Portugués e Afundación como principais colaboradores do festival.
Finalmente, quixo rematar a rolda de prensa “convidando a todos os vigueses a que acudan a cita máis importante do cinema galego e lusófono que ten a cidade” e engadiu que o Primavera do Cine segue sendo, desde os seus comezos “un festival que ten sempre presente na súa cinematografía e nas súas exhibicións un compromiso político, reivindicativo, e revolucionario”.