spot_img
InicioBaixo MiñoO Festival Internacional de Documentais Play-Doc de Tui afianza o seu compromiso...

O Festival Internacional de Documentais Play-Doc de Tui afianza o seu compromiso co cinema galego con nove títulos na sección ‘Galicia’

Play-Doc

O Festival Internacional de Documentais Play-Doc, a celebrarse do 13 ao 17 de abril vindeiros en Tui, afianza o seu compromiso co cinema galego con nove títulos na sección ‘Galicia’, amais de contar na internacional con Non hai vacas sobre o xeo, do pontevedrés Eloy Domínguez Serén. Nunca nunha edición anterior do certame, se recibira un volume de obras galegas tan elevado, nin en número nin na calidade das propostas. É por iso que este ano o festival contará cun total de seis sesións con filmes galegos, que suman dez películas, nove na sección ‘Galicia’, máis a de Domínguez Serén na oficial.

Entre os títulos, destaca a estrea española de Tout le monde aime le bord de la mer, debut de Keina Espiñeira sobre un grupo de inmigrantes que intentan cruzar a España polo estreito de Xibraltar, nunha sorte de limbo xeográfico e espiritual na zona de Ceuta e Melilla. A cinta convenceu á crítica na súa recente estrea internacional en Róterdam, onde o xurado a seleccionou como finalista para os Premios do Cinema Europeo (EFA). Tamén estrea, e mundial, é Freedom to Kill the Other’s Children, de David Varela. O filme reflexiona sobre o conflito palestino-israelí en torno a un caso concreto de intercambio de prisioneiros.

As cuestións de identidade política e cultural semellan marcar a axenda dos directores galegos este ano.Alberte Lobelle tamén dá o salto internacional con Den Pobedy, sobre o Día da Vitoria nas repúblicas ex-soviéticas. O filme é respectuoso con documentos recuperados do pasado, ao tempo que apunta unha interesante lectura sobre o sentimento patriótico e as súas consecuencias no actual conflito en Ucraína. A obra foi ben recibida no circuíto mundial de festivais, con estrea en FIDMarsella. Outro internacional é Iván Castiñeiras, xa presente en Play-Doc en 2014 con A Raia. En Où est la jungle?, producida no prestixioso centro francés Le Fresnoy, o autor trasládanos ao Amazonas para indagar sobre o impacto do home branco nas tribos indíxenas do lugar.

Cada vez é máis habitual que o cinema galego se exporte en citas de prestixio. Xacio Baño estreou o seuEco, filme intimista sobre uns diarios maternos atopados nunha mudanza, en Locarno; e Helena Girón e Samuel M. Delgado fixeron o propio con Sin Dios ni Santa María en Toronto, un filme sobre a bruxería que se converteu na curta revelación española do ano, con seleccións e premios en todo o mundo.

Historias universais dende Galicia

A esta internacionalización, neste caso da cultura galega, contribúe Contrafaces, de Fon Cortizo. Os protagonistas do filme son literatos estranxeiros que, por diversos motivos, decidiron escribir poesía en galego, como Erin Moure ou Elías Knorr. A arte centra tamén A imaxe reb/velada, de Andrea Vázquez. En concreto, a fotografía. Este é o retrato de Baldo Pestana, importante fotógrafo galego emigrado en varios países de Sudamérica e en París que, xa nonaxenario, decidiu volver á aldea galega da súa familia para pasar os seus últimos días.

O último filme na sección ‘Galicia’, Os días afogados, de César Souto e Luis Avilés, abrirá a selección na xornada de inauguración do festival. A cinta pecha este círculo en torno á identidade e a resistencia política. Retomando imaxes gravadas nos últimos días da vila de Aceredo (Ourense) a inicios dos noventa, sobre a loita dos veciños, na súa oposición á construción do embalse de Lindoso, polo cal a vila ficou anegada; os directores volven ao lugar dos feitos, que emerxe de entre as augas anos despois, para revivir ese suceso e reflexionar sobre a memoria da localidade.

Dada a dirección tan obvia que, de forma natural, tomou a selección este ano; a mesa de debate que se organiza en cada edición xirará en torno ao ‘Cinema da diáspora e a identidade galega’. Estará coordinada pola xornalista especializada en cultura Montse Dopico, e nela participarán os directores Fon Cortizo, Eloy Domínguez Serén e Andrea Vázquez. Todos eles, dende as súas propias experiencias e obra, tentarán definir como o cinema galego presente se está a preocupar por estas cuestións e como as representa.

FILMES SELECCIONADOS EN ‘GALICIA’:

  • A imaxe reb/velada, de Andrea Vázquez

  • Contrafaces, de Fon Cortizo

  • Den Pobedy – O día da vitoria, de Alberto Lobelle

  • Eco, de Xacio Baño

  • Freedom to Kill the Other’s Children, de David Varela

  • Os días afogados, de César Souto e Luis Avilés

  • Où est la jungle?, de Iván Castiñeiras

  • Sin Dios ni Santa María, de Helena Girón e Samuel M. Delgado

  • Tout le monde aime le bord de la mer, de Keina Espiñeira

- Publicidade -spot_img