spot_img
InicioVigo e áreaVigoO experto mundial Christopher Dostal pon en marcha no Museo do Mar...

O experto mundial Christopher Dostal pon en marcha no Museo do Mar de Galicia a restauración dos canóns de bronce procedentes naufraxios nas costas galegas

O experto mundial Christopher Dostal pon en marcha no Museo do Mar de Galicia a restauración dos canóns de bronce procedentes naufraxios nas costas galegasRepresentantes de empresas galegas de arqueoloxía subacuática e alumnado da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia puideron asistir ás xornadas de traballo desenvolvidas na última semana

Revista COUSAS DE Nº13

O experto mundial en tratamento de arqueoloxía subacuática Christopher Dostal puxo en marcha no Museo do Mar de Galicia na última semana a restauración dos canóns de bronce de entre os séculos XVI e XVIII procedentes de distintos naufraxios nas costas galegas e recuperados pola Armada Española. O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, visitou o espazo e coñeceu de man do restaurador o proceso que está a desenvolver con tecnoloxía de redución electrolítica.

Segundo sinalou Christopher Dostal, director do Laboratorio de Investigación e Conservación na Universidade de Texas A&M, o procedemento elixido para eliminar a corrosión producida no bronce polos cloruros que abundan na auga do mar garante un tratamento eficaz, rápido e perdurable fronte a outras técnicas. Estanse a utilizar cubas de aceiro, un sistema de desionización de auga e diversos produtos químicos, entre outros elementos.

O experto apuntou que se trata dunha metodoloxía probada fronte ao tempo, como o demostran as ducias de canóns de ferro e bronce de importancia histórica conservados con éxito durante as tres últimas décadas polo laboratorio que dirixe. Entre eles figuran un canón de bronce francés do século XVII e canóns de ferro e áncoras dun naufraxio español do século XVI. Tras a posta en marcha do proceso, Christopher Dostal seguirá a evolución desde os Estados Unidos.

Achegamento da técnica a empresas galegas

Consciente do interese e singularidade deste proceso, desde o Museo do Mar de Galicia convidouse a empresas galegas especializadas en arqueoloxía subacuática a asistir a algunha das xornadas de traballo e coñecer así a técnica aplicada. Tamén puido achegarse á metodoloxía o alumnado de Arqueoloxía da Escola de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia.

- Publicidade -spot_img