spot_img
InicioVigo e áreaO PorriñoO emblemático quiosco de Mucha no Porriño, transfórmase en biblioteca escolar

O emblemático quiosco de Mucha no Porriño, transfórmase en biblioteca escolar

O emblemático quiosco de Mucha no Porriño, transfórmase en biblioteca escolarO que foi un dos elementos máis representativos da Praza Arquitecto Antonio Palacios converterase nunha biblioteca de patio do CEIP Plurilingüe Antonio Palacios

O coñecido “Quiosco de Mucha” iniciará unha nova etapa este curso transformado en Biblioteca de Patio do CEIP Plurilingüe Antonio Palacios.

O que foi un dos elementos máis representativos da Praza Arquitecto Antonio Palacios instalouse alí na década dos 90 e varias xeracións de porriñeses e porriñesas compraron nel prensa e lambetadas. Tras varios anos en desuso e atopándose nunhas pésimas condicións, o Concello decidiu retiralo no ano 2016 e desde entón permanecía tirado nas instalacións municipais de Torneiros.

Foi alí onde Tatiana Pérez, responsable de Biblioteca deste centro escolar de Torneiros e impulsora da iniciativa, o vía cada mañá ao acudir ao cole.

“O quiosco de Mucha é algo especial para todos os porriñeses e pareceume que sería interesante reutilizalo”, explica Tatiana, “Desde hai anos levamos a cabo un plan de mellora do patio e tamén pretendemos levar a lectura a máis espazos do centro. O quiosco é perfecto para axuntar ambas as cousas reconverténdoo nunha biblioteca de patio onde os nenos e nenas poidan coller libros para ler e tamén xogos de mesa no recreo”.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, visitou o colexio para interesarse polo proxecto e comprometeuse a colaborar no que sexa necesario para a súa posta en marcha. Así, o  Concello levará a cabo a restauración e posta a punto do quiosco, que inclúe o cambio de xanelas, reparación do interior e instalación de chan.

“Pareceume unha idea marabillosa e faime unha especial ilusión que este quiosco tan emblemático da nosa vila se convirta nun lugar que albergue libros e reivindique o hábito de ler entre os máis pequenos como unha alternativa de lecer”, afirmou Lorenzo, “Os nenos e nenas do Porriño de entón crecemos acudindo ao quiosco de Mucha e alégrame enormemente que os nenos  e nenas do Porriño de agora poidan seguir facéndoo”.

O rexedor anunciou que esta semana comezará unha ronda de visitas aos centros escolares para coñecer da man dos seus equipos directivos as necesidades que presentan.

 

- Publicidade -spot_img