spot_img
InicioGaliciaO Dicionario da Real Academia Galega incorpora un cento de voces

O Dicionario da Real Academia Galega incorpora un cento de voces

o-dicionario-da-real-academia-galega-incorpora-un-cento-de-vocesA última actualización do Dicionario da Real Academia Galega suma un cento de voces. Entre as novas entradas figuran vocábulos que completan familias de palabras como antiincendios, bucinada, descifraxe / desciframento, estudantado, polifacetismo, parafusería, postergación, posvenda, ludoteca e enoteca e viñoteca, mais tamén voces tradicionais como bochinche, eis, naipelo, pataqueiro, -a, poma ou rianxo. Expresións como a descomán, sinónima de a desmán, e a sabendas de incorpóranse tamén canda outras voces de máis recente creación ou popularización como autofoto, conurbación, dina, feísmo ou surfear, así como o xentilicio gazano, -a.

Os termos do mundo da ciencia e da investigación conforman outro grupo con presenza nesta actualización, na que se engaden voces como audioloxía, bolboretario / xardín de bolboretas, grampositivo, -a e gramnegativo, -a,  ademais de galeguística.

O Seminario de Lexicografía da Real Academia Galega traballa permanentemente na revisión e actualización do Dicionario en liña da institución, que se pode consultar de balde en academia.gal/dicionario. Alén de sumar a esta ferramenta palabras que designan distintas realidades, entre elas os neoloxismos, o equipo que coordina o académico Manuel González préstalle tamén atención ao labor que consiste en completar familias de palabras como as incluídas nesta última actualización. Malia que estas parten dunha mesma raíz común para crear distintas voces coa sufixación habitual do galego, a súa incorporación favorece a resolución de dúbidas sobre a súa escrita, en ocasións meramente ortográficas, como sucede con adictivo, que figura entre as novidades e que evita a súa confusión coa forma aditivo, de significado diferente.

O Dicionario da Real Academia Galega, con máis de 58.000 entradas, constitúe unha ferramenta fundamental para os usuarios e estudosos da nosa lingua. Na súa constante revisión, os membros do Seminario de Lexicografía teñen en conta, entre otros criterios, as demandas que os usuarios e usuarias fan chegar decote a través da lapela “Axúdanos a mellorar”. Froito deste proceso de escoita son algunhas das actualizacións máis recentes, como alfombreiro, -a ou auguista, incorporadas o pasado mes de xullo, ou as mencionadas bolboretario e gazano, -a.

Cada mes o Dicionario recibe uns tres millóns de consultas a través da versión web e da súa aplicación, dispoñible para Android e iOS.

- Publicidade -spot_img

[adrotate group="3"]
[adrotate group="2"]
[adrotate group="4"]
[adrotate group="5"]

Información das cookies

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecelo cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.