spot_img
InicioBaixo MiñoO Concello de Tui convoca un novo concurso para pintar dúas pontes...

O Concello de Tui convoca un novo concurso para pintar dúas pontes con obras artísticas

Ponte das Bornetas cara á Guarda, foi xa pintada no pasado mes de setembro polo artista DoctorToy
Ponte das Bornetas cara á Guarda, foi pintada no pasado mes de setembro polo artista DoctorToy

O concello, no seu obxectivo por potenciar a imaxe turística á vez que se apoia aos artistas, aumenta a contía dos premios con respecto á pasada edición.

As concellerías de Cultura, Deporte e Limpeza e Medio Ambiente presentan o “II Concurso de pintura Mural” para pintar as dúas pontes de entrada á cidade de Tui dende Gondomar e Vigo con obras artísticas e inéditas. A terceira, a Ponte das Bornetas cara á Guarda, foi xa pintada no pasado mes de setembro polo artista DoctorToy.

Agora, co obxectivo de seguir mellorando a imaxe de acceso á cidade á vez que se fomenta o traballo dos artistas, anunciase a celebración deste segundo concurso para pintar así as pontes restantes, á coñecida como a ponte da Magnolia, na entrada dende Vigo e a ponte da autovía na estrada cara a Gondomar.  Ademais, Tui amplía o seu compromiso e fai un maior esforzo económico ao aumentar a contía do premio para os gañadores, que agora pasa a ser de 500€, este galardón súmase aos 400€ que o Concello porá a disposición dos artistas para facer fronte aos gastos de material. Ao igual que na pasada edición, tamén se cubrirán os gastos relacionados con escadas, medidas de seguridade, etc.

O Concello de Tui segue así o seu traballo de achegar o rico patrimonio natural e arquitectónico a cidadáns e turistas.  Os deseños que terán estas pontes deben facer referencia ao río Miño, ao Monte Aloia ou ao conxunto histórico tudense. Unha iniciativa que ten como obxectivo, segundo José Martínez Tato, concelleiro de Medio Ambiente, Limpeza, Medio Rural e Participación Cidadá, que “os turistas leven unha boa impresión da cidade dende o primeiro minuto que visitan Tui”.

O concurso está aberto para calquera persoa que resida no territorio español, podendo presentarse individualmente ou en grupos, cun máximo cinco compoñentes. Cada participante deberá presentar un bosquexo xunto cunha fotocopia do DNI, autorización de pai, nai ou titor en caso de ser menor de idade e a ficha de inscrición que se adxunta nas bases da convocatoria. Toda a documentación debe ser enviada ao Concello de Tui ou presentarse no Rexistro de Entrada antes das 14:00 horas do venres 18 de novembro de 2016.

Esta iniciativa está promovida pola concellería de Deportes, Servizos Sociais e Turismo, de Ensino e Cultura e de Medio Ambiente, Medio Rural, Limpeza e Participación Cidadá. As bases completas da convocatoria atópanse dispoñibles na web do concello.

- Publicidade -spot_img