spot_img
InicioBaixo MiñoO Concello de Tomiño prevé instalar os composteiros comunitarios da Deputación en...

O Concello de Tomiño prevé instalar os composteiros comunitarios da Deputación en varios puntos do municipio

Concello-Tomiño-promociona-piragüismo-entre-alumnado-colexios-municipio

O asesor provincial en materia de residuos, Carlos Pérez, instou ao goberno local a aproveitar sinerxias cos propietarios de viveiros do Baixo Miño

O Concello de Tomiño está a traballar no Plan Compost que a Deputación de Pontevedra quere extender na provincia para solucionar os problemas de xestión de lixo dos concellos. Na mañá de hoxe o asesor provincial de residuos, Carlos Pérez, e a técnico provincial de Medio Ambiente, María Martínez Abraldes, participaron nun encontro co deputado provincial e concelleiro de Proxectos estratéxicos, Uxío Benítez, e a concelleira de Medio Ambiente, María Xosé Vázquez Rodríguez, co fin de explicar de forma directa os requisitos para lograr que o organismo provincial instale en varios puntos do municipio os centros de compostaxe comunitaria nos que se tratarán os restos de comida e vexetais dos veciños.

O obxectivo do Concello de Tomiño é reducir o custe do tratamento actual do lixo para as arcas locais. Esto, segundo explicou o asesor provincial Carlos Pérez, só se pode acadar evitando que parte dos residuos urbanos entren na cadea do lixo, eliminando así os custes de contentores, recollida e transporte e posterior tratamento mediante incineración. A aposta polos centros de compostaxe comunitarios que promove a Deputación a través do Plan Compost, según explicou Pérez, solucionaría o problema económico ao tratar os residuos orgánicos (FORM) no mesmo lugar no que se xeran. A idea é que cada centro de compostaxe colectivo dea servizo a grupos de entre 60 a 300 cidadáns e estea situado como moito a 300 metros da vivenda máis lonxana. Alí os restos de comida e vexetais convertiranse en compost nun proceso natural e sinxelo.

Ubicacións

A Deputación de Pontevedra está a elaborar nestes momentos as bases para seleccionar os proxectos máis viables que presenten os concellos da provincia e a elexir ao persoal (mestres composteiros) que se fará cargo dos primeiros centros de compostaxe comunitaria.

Nesta primeira fase distribuiranse entre 75 e 150 centros para toda a provincia e primarase, sobre todo, a implicación directa da cidadanía no proxecto, xa que é fundamental un compromiso dos veciños para  levar o seu lixo correctamente separado ao composteiro. O Concello de Tomiño, pola súa banda, está a traballar xa nas ubicacións dos centros de compostaxe comunitarios dentro do seu termo municipal e na implicación da cidadanía requerida pola institución provincial.

Os representantes do Goberno local de Tomiño indicaron ao asesor provincial de residuos que tamén teñen prevista unha reunión coa Asociación de Cultivadores do Baixo Miño (Acubam), formada por propietarios de viveiros da zona. Neste encontro tamén pretenden buscar a súa implicación no proxecto, posto que os viveiristas son produtores de residuos vexetais (necesarios na compostaxe para elaborar o compost final) e usuarios de fertilizantes nos seus terreos (e, polo tanto, potenciais consumidores do compost). Pérez animou aos representantes locais a traballar nesa liña, buscando e aproveitando tódalas sinerxias posibles con asociacións, colectivos e empresarios da contorna.

Por outra banda, os concelleiros sinalaron que ademais de presentar un proxecto viable para a instalación de composteiros comunitarios dentro da primeira fase do Plan Compost da Deputación (a criba realizarase en xaneiro), Tomiño tamén e ten a porta aberta a participar no desenvolvemento dunha planta comarcal para todo o Baixo Miño, proposta que xa fora debatida nun encontro entre o vicepresidente César Mosquera e os rexedores dos demais municipios da zona.

- Publicidade -spot_img